Juan Manuel González Alonso naceu un 18 de xuño de 1927 no barrio da Laxe, parroquia viguesa de San Pedro de Sárdoma, e casou con Lucita na parroquia veciña de Castrelos. O seu primeiro contacto coa música xurde non máis alá dos once anos, dunha frauta feita por él mesmo cunha cana.

Pouco tempo despois destes primeiros achegamentos á música o seu pai mercoulle un punteiro, feitos estes que lembraba con especial emoción: "Ter un punteiro por primeira vez nas miñas mans foi algo que non podo describir. ¡Emocionantísimo!. Botei unha semana sen durmir e a miña nai estaba tan farta do ruído que tiven que ensaiar na bodega da casa, onde aprendín as primeiras pezas, sempre de memoria despois de escoitárllelas a un gaiteiro e verlle para os dedos".

De entre os gaiteiros da época, admiraba sobre todo a Daniel, quen formaba parte do grupo "Os Peruchos" de Sárdoma, e que o iniciou no manexo do punteiro xunto a Pepe, "O Moreno", de Lavadores.

Sendo un rapaz de doce anos, acompañado polo tambor do "O Merello", e polo irmán deste ao bombo, conforman o trío "Airiños da Nogueira" en lembraza "daquela inmensa nogueira que nin dez homes eran capaces de rodear cos brazos abertos" e que estaba preto das súas casas na Laxe.

A enfermidade da súa nai, quen non podía aturar o barullo dos ensaios, e o seu noviazgo con Lucita forzan o cambio do lugar de ensaios cara a casa de Manolo en Castrelos; feito este que propiciaría a refundición no ano 1943 do grupo "Airiños do Parque de Castrelos" xunto a Severo Manolo e Crispín.

Contando 21 anos, e coa oposición do seu pai republicano a que tivese carnet da Falanxe, entra a formar parte do grupo "Coros e Danzas", vinculado á Sección Femenina sen afiliación. Con estes fará un amplo percorrido polo estranxeiro, Cuba, Grecia, Oriente Medio, etc?

A partir deste intre a súa traxectoria correrá paralela ao Grupo "Airiños do Parque de Castrelos" e a Escola Municipal de Danza do Concello de Vigo, ámbalas dúas agrupacións baixo a dirección de Wenceslao Cabezas "Polo". Permanecendo en activo ata os últimos anos da súa vida, impartindo clases de forma altruista e impulsando distintas formacións musicais como "Semileiro" e "Os Kilovatios"; sendo nomeado Vigués Distinguido no ano 2006.

Grazas gaiteiro polas túas ensinanzas e sobre todo por ser unha persoa de ben. Non che esqueceremos.