"Redondelar" é un proxecto de divulgación para coñecer Redondela, unha ferramenta para descubrir o patrimonio cultural e arquitectónico do municipio a través dunha aplicación para teléfonos móbiles onde se localizará e interpretará o patrimonio inmoble do centro urbano da vila, ampliable no futuro ás parroquias. Complementarase con unha paxina web e paneis explicativos "in sito" da casa ou construción seleccionada, que nos axudarán a nós e a cantos nos visiten a descubrir os lugares, edificios e monumentos de Redondela. O patrimonio de bens inmobles de propiedade particular ou institucional que teñen un valor excepcional desde o punto de vista da historia ou da arte son memoria e herdanza do noso pasado, dignos de seren considerados, distinguidos e conservados para o seu coñecemento.

O Convento de Vila Vella, fundado polo arcediago don García Prego de Montaos no ano 1501, foi ocupado por monxas da orde de San Lourenzo Xustiniano ata 1933. Finalmente sería comprado por José Otero (Mañas), que o modificou bastante, dándolle o seu actual aspecto.

O viaduto de Ourense foi inaugurado en xuño de 1881. Pedro Floriani, un italiano subcontratista das obras, arruinado porque non llas pagaban, botouse da ponte abaixo, en plena Festa da Coca. Non morrería, pero quedaría eivado para sempre.

O pazo de Petán, da mesma familia Prego de Montaos, é un pazo urbano de mediados do século XVII. Foi modificado tras ser comprado polo industrial José Regojo.

A Casa da Alfóndega é una construción do século XVI, antigamente usada como mercado e depósito de gran. A súa estrutura foi restaurada e alterada, e hoxe é restaurante.

A casa da Torre. Os seus donos tamén o eran da Casa da Alfondega, os Prego de Montaos, familia de grande importancia na nosa vila. Trátase dun edificio do século XVI. Foi vivenda da familia, casa do Concello, almacén de tabacos, depósito de coches, oficinas da empresa de transporte Manuel García e finalmente albergue de peregrinos.

O concello vello. Todo o edificio é de bo perpiaño e na parte traseira atópase un escudo de Redondela coa data de 1700. Tivo varios usos, os dous últimos foron conservatorio de música e oficinas do concello.

Casa do concello novo, é un edificio de construción recente, 1954, imitando as formas tradicionais dun pazo galego, dispón de torreón, soportais, balcóns e amplas ventás.

O cemiterio dos Eidos, salvado da "piqueta" hai uns anos pola oposición de moitos veciños e da Asociación Alén Nós. Foi construído na década do 1860/70. Xa en desuso, é un museo ao aire libre con esculturas e obras de arte construídas polos nosos canteiros, capaces de acariciar as pedras ata convertelas en santos. Garda a memoria de Redondela dos últimos 145 anos. Alí están enterrados o xeneral Rubín, John O´Dogherty, Juan Amoedo Seoane, Claudio Contreras, Alejandro Otero, Telmo Bernardez, Isidoro Queimaliños, Ernestina Otero€, e 56 dos 58 paseados mortos en Redondela, entre os que se encontraba o derradeiro maquis que resistiu o franquismo na zona: Rogelio García Molares, máis coñecido por "O Maletas".

O viaduto de Pontevedra foi inaugurado o 30 de xuño de 1884 e é a obra máis importante do trazado Vigo-Pontevedra.

Isto sería un brevísimo resumo, tanto dos textos coma das obras que se seleccionarán para o proxecto "Redondelar", coñecer Redondela: desde a aplicación para móbiles de última xeración, pasando pola páxina web e unha publicación ao respecto, ata a dotación de sinaléctica ao pé de cada casa ou monumento. Desde o asociacionismo e a administración queremos que se estenda esta forma futurista de mirar e coñecer o noso patrimonio de forma auto-guiada aproveitando as posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías.

Este proxecto, encargado pola Asociación Cultural Alén Nós á empresa "A Citania", presentámolo nestes primeiros días de maio no Ministerio de Cultura e participan nel a propia Asociación, o Concello de Redondela, a Asociación de Empresarios e Comerciantes de todo o Concello. O importe total do proxecto será de 17.714,40 euros.