Os actuais planos catastrales municipais convirten as leiras e os montes da miña aldea en solares edificables, suxetos a impostos de contribución, antes exentos; nin o parque infantil veciñal escapa da presión fiscal. Reducen ó mínimo antigos valdíos, ignoran camiños de servicio e roteiros labregos, só aparecen pistas asfaltadas como únicos vieiros de comunicación.

A este paso, xa non todo estará onde estaba, ó contrario do que pensaba Rosalía, nen camiños antre o millo, prados, ríos e arboredas; porque todo será terreo privado con valor impositivo. Podemos pensar que se trata dunha planificación racional do solo, evitando a endémica e anárquica dispersión das casas no rural. Tamén, que beneficia ós propietarios das leiras, agora improductivas, cara ao hipotético despertar da construcción inmobiliaria.

O que sí é certo que se descubren novas fontes de recaudación, cando outras secaron, e tal medida paréceme xusta si fose acompañada dun plan de atención ás aldeas, que recolla a conservación da arquitectura típica, do patrimonio histórico e a limpeza dos ríos, emporcados por vertidos tóxicos e atuídos con ramalladas e vexetación invasiva, que os fai insanos e desluce a paisaxe.

Dese xeito, as aldeas seguirían sendo espacios alternativos de vida activa, non simples polígonos residenciais ou urbanizacións con grandes mansións e nomes de rúas impresos en placas de latón, que solapan os topónimos enxebres de tradición oral. Pois sempre haberá quen queira ir a aldea porque sinta o tópico gusto do menosprecio de corte e louvanza de aldea.