A mala herba ten o seu tempo e momento. Sendo a primavera a estación idónea para lucirse. Aínda que dun xa longo tempo para aquí, calquera tempada parece propicia para ela. A mala herba é ruín. Con todo o que iso implica. A mala herba non esixe moito, mais unha vez que agroma precisa de pouco para expandirse. Ela mesma é capaz de adaptarse a calquera terreo. Aínda que onde mellor se desenvolve é nas paredes de grandes edificios de pedra nos que a palabra democracia se excede nas súas fachadas. Atopando boa complicidade e acomodo no verde pasto das grandes residencias habitadas polos ocupas dos grandes edificios de antes. Nese demarcado espazo sábese coidada e ben protexida. O medio condiciona. E axuda. A mala herba ademais entende de clases, e sabe que dependendo da raíz pola que puxe terá máis ou menos percorrido. A mala herba que medra na entrada da miña porta é sempre mala herba. Pola contra, a mala herba daqueles non sempre é mala herba. Depende. Din. E un xa non sabe a que agarrarse, cando ves que a mala herba se está apoderando cada vez máis de ventás e fachadas que supostamente deberían estar libres de herbas ruíns.