Morreu Juan. Juan do Idral.

Lin no xornal a súa esquela e poñía do Ourovello.

Ata despois de morto quixo ser do Ourovello.

O Idral é un lugar preto do Ourovello e alí naceu Juan. Parece que aínda o estou vendo de neno. Quentándose na lareira da casa máis fría que vin na miña vida. No chan da cociña, sobre un brazado de palla, a súa nai morta. Desangrada xunto unha chaqueta vella que envolvía ó neno que acababa de nacer e que poucos meses máis duraría.

Esa traxedia foi un anticipo da dura vida que lle esperaba.

Sendo aínda un rapaz empezou a traballar de pinche con seu pai, que era canteiro. Juan amasaba barro cos pes descalzos xa fora verán ou inverno.

Nunha época en que o pai non estaba para coidalo, levárono á casa dun tío e primos que vivían en Obre. Naquela casa era querido e vivía contento, pero cando voltábamos da feira de Betanzos sempre nos berraba detrás do valado: "Adiós do Ourovello!" Juan era un emigrante en Obre. Tiña morriña do Idral, do Ourovello, dos seus amigos, dos veciños€

O que se vive de neno non se esquence.

Tamén traballou arreo nun aserradero donde tivo algún accidente que casi lle custa a vida.

Juan casou e foi vivir a Betanzos. Él e máis a súa muller coidaron do tío Domingo -o pai de Juan-- vello e enfermo ata que morreu.

Ultimamente, xa retirado, Juan paseaba por Betanzos. Alegrábase moito cando nos vía ós veciños da súa infancia. As súas mans seguían sendo de ferro da vía do tren de tanto que traballou ó longo da vida. Nós tamén o apreciabamos, porque a pesar de todos os traballos que pasou foi unha boa persoa.

Estou segura que cando vaiamos desfilando cara a donde él está, alguén, dende detrás dun valado, berraranos: "Adiós do Ourovello!"