Teriamos necesidade de ascender se non tiveramos caído? Precisariamos de ir na procura dun paraíso terrenal se non nos tiveran privado da propiedade das nosas vidas? E dirides vós, que demo ten a ver isto con Rosalía e a síndrome que, segundo Rof Carballo e outros olláparos dos miolos, padecía Rosalía? Pois moito motísimo, coido eu.

Rosalía foi ninguneada por todos estes que agora, sen soltar cadeira nin mitra, louvana só na súa faciana de choromicas, alcume artellado por eles para pular esa imaxe dos galegos coma febles, pisamainiños e mainos choróns dunha tristura perenne. Sempre nos agocharon á Rosalía rexa, crítica, aguzada, sorneira, afouta porque non lles acaía co mito de muller do seu corsé. Era ben máis doado vendernos a Rosalía feminina ca feminista! A probiña que está xorda, a filla do mar, a xustiza pola man... a visión política de denuncia contra a emigración ficaba así manoseada por aqueles mesmos que provocaban e provocan tal lacra colonial. As viúvas de vivos e mortos nunca saíron á rúa nos telexornais como as avoas de maio arxentinas. En Galiza a morte anda tan a modo que non se ve máis que de lonxe! Así, foi máis convinte diagnosticarlle a Rosalía unha síndrome tirada dun político grego da antigüidade ca diagnosticar a síndrome da nosa sociedade corrompida. Disque esta síndrome fai dos que a padecen seres tristeiros e medoñentos, inadaptados, que non se quen de disfrutar da vida porque temen o éxito. Defínese coma o fracaso do éxito. Eu coido que a actitude vital de Rosalía víñalle máis do entorno social no que viviu. Calquera que saiba un pouco da súa biografía e obra decatarase axiña.

Era unha muller tan intelixente e sensibel que sofría máis a crueza e inxustiza dun mundo estarrecedor onde ser muller de clase baixa, filla de solteira, escritora en lingua galega ata que a escarmentaron e dunha intelixencia crítica requintada... significaba a expulsión flamíxera do paraíso. Rosalía colleu a mazá da árbore prohibida e pagou por elo cun sofrimento caroso de enxergar hoxe, incluso para moitas mulleres que seguimos a sofrir a discriminación por razón de sexo, lingua ou clase social. Rosalía foi para min unha muller caída, coma tantas, nun mundo de homes. E esta é a negra sombra de ser o yin, a chaira, a noite, a auga, a fémina, a labrega e proletaria, a empatía, a natureza, o instinto, a intelixencia crítica, o pracer do mundo interior... Rosalía foi a muller caída. Ela sofreu a culpa da dobre moral xudeocristiana. Foi escarnecida por ser quen era, sen dobreces, tanto na rural Bastavales coma na urbana Compostela, como na Castela! Rosalía sobarda o seu mito, o que nos queren vender. Hai que ler e sentir a Rosalía na súa obra e non ficar coa codia. Ir ao cerne desa muller que, sen chegar á cincuentena de vida, foi quen de agasallarnos cun modelo de muller galega loitadora que endexamais se rendeu á crítica social, lede, senón, O cabaleiro das botas azuis e veredes unha xenial parodia sobre a burguesía vilega compostelá e o papel da muller no patriarcado.

Rosalía nunca tivo necesidade de ascender porque para o seu ser cerneiro, nunca tivera caído. Ela nunca tivo medo ao éxito porque penso que, nunca, o procurou. Rosalía vivía nun mundo de brétema espiritual vencellado por enteiro á materialidade da vida. Paréceme que para ela a materia era espíritu, sen dualismos.

A súa relixiosidade era panteísta e animista, moi lonxe da ortodoxia e as hierarquías. A súa poesía é catártica e sobranceira como a terra e o mar. Ela é a filla do mar, a sombra da Atlántida!