Que me quitan o qué?

Se non fora porque os que sofren dende hai tempo o corralito das preferentes e subordinadas non están para moitas lerias, poderiase facer mesmo un artigo ben xeitoso. Pero non, as sospeitas e o runrún convertíronse definivamente en traxedia para moitas familias dende que o FROB comunicara, coma o fai o cardenal protodiácono na elección do novo Pontífice, os recortes ou descontos, coma adoitan dicir eufemísticamente, para aqueles aforradores que tiveron a feliz idea no seu día de subscribir participacions preferentes e subordinadas, estas últimas sexan perpetuas ou con vencemento, e que van a perder o seu capital entre o 43 e o 41% (clientes de NGB). Ata algún coitado dirá aquelo de: menos é nada!

Digo eu: se a un lle quitan os seus cartos, a quén llos van a dar? Agás que nos queiran facer crer que os aforros de toda unha vida de Pepe, o irmán de Berta, esvaéronse coma a brétema no verán.

Todos podemos, de cando en vez, cometer algún erro ca outro, e polo tanto romper un e ata dous pratos, pero o que acontece neste asunto -o das preferentes e subordinadas- e que alguén ou algúns esnaquizaron o enxoval e a vaixela enteiriña herdada con tanto agarimo dos nosos avós, con tazas de café de Santa Clara incluidas. Algúns políticos, economistas e financieiros, para quentar aínda máis o inferno, seguen a pensar que a culpa é dos propios aforradores que, seica, parvearon cos xuros astronómicos que ían apañar namentras os outros pecaban teimudamente contra o décimo mandamento do noso Señor.

E agora qué?