Febreiro, no mes da Candelaria, cando casan os paxariños no florecer dos magnolios e o amarelar das mimosas, e xa arrecende o entroido nas rúas, de súpeto apagouse outra estrela, o entrañábel Ismael Lorenzo González, o popular showman de Marín coñecido como Ismael. Artista da bohemia, dos que levan no bico un cantar e a patria no corazón como xílgaros sementadores de soños, compañeiro de John Balan, o inesquecíbel home orquestra da nosa infancia nos tempos de Barriga Verde. Ismael foi morrer na Coruña do aloumiño da ría do Orzán, moi lonxe do mar de Marín onde pasou toda a súa vida. Como todos os persoeiros que fan da súa vida unha viaxe a ninguna parte, acabou nun asilo coa mala sorte que na súa cidade, xa nos tempos en que todo nos sacan, tamén sacáronnos o asilo onde coincidira cos seus compañeiros da farándula, da canteira de artistas de Marín, Xosé o Pataca e John Balan que puido morrer eiquí rodeado de amigos.

No fardel da memoria, de súpeto, ao ollar una vella foto dunha páxina de internet nos fai revivir imaxes que tiñamos xa esquecidas de persoeiros populares que nun tempo moi difícil axudáronnos a levar millor a nosa infancia, cando xa case ningún está vivo e xa forman parte de nós e da historia da nosa cidade, e con certa tristura no caso de Ismael que tivo que ir morrer lonxe dos seus. Artista singular da bohemia, pasou toda a súa vida alegrándonos coa súa guitarra, acordeón, armónica ou a súa voz en verbenas e festas populares ou, sempre que o chamaran, solidario en galas benéficas, actuando só ou facendo dúo co seu amigo Balan, sempre cun sorriso nos beizos.

Soubemos del nunha homenaxe que o Concello de Pontevedra lle adicou a John Balan, o seu compañeiro de profesión e amigo, nun tempo residentes no asilo da cidade. Alí estaba no Principal arroupando ao compañeiro e lembrando actuacións xuntos como dúo na trole de Marín, en festas e troulas etc., pecha os ollos e como nunha película da vida, lembra unha verbena, el nun palco con luces de cores co arrecendo a rosquilas enfiadas nun pau de sanguiño, o estoupar dos foguetes e o público a aplaudir a rabear a súa actuación€ el é a estrela e que pare o mundo se quere. Ata sempre Ismael, con el foise una época irrepetíbel que alegrou a infancia de toda unha xeración de marinenses e pontevedreses, mágoa que se extingan os ilusionistas de soños.