Moi preto da cidade do Lérez temos un verxel de mestas xunqueiras regadas por meandros nun paraíso para o ocio e o lecer onde os cisnes de branco prata navegan ceibes entre reverdecidos xuncos pola auga que mana dos humedais a carón de novas especies de árbores autóctonos prantados recentemente e que xa empezan a agromar, un novo espazo para o gozo dos cidadáns con bancadas pontes e novo alumeado no Lérez moito tempo esquecido e agora ao igual que o Gafos e o Ron recuperados e postos en valor para goce dos cidadáns.

Na entrada a Illa do Covo foi onde un cisne fixo o seu fogar. Atopámolo no seu niño encubando os seus ovos namentres a súa parella navegaba vixiante e orgullosa polos meandros entre xuncos, paseantes e deportistas. De cando en vez achegábase as ourelas donde os rapaces votábanlle migas de pan. Alí se atopa un magnífico parque infantil feito de madeira e moi integrado na paixase. É bo dar a coñecer aos forasteiros que a cidade e bonita non só polo casco histórico senón tamén pola natureza da súa contorna.

Paseniño imos descubrindo novos recunchos da cidade que tiñamos esquecidos ou descoñeciamos. O aniñar dun cisne e o medrar dos carballos recen prantados, e outras árbores na Illa do Covo; como florecen os narcisos co tempo e sentir o seu recendo ao tempo que escoitamos cantar o cuco no paseo do Gafos; ver agromar o froito das abeleiras e cerdeiras e florecer os lirios nas marismas de Alba, chegando a elas polo novo ponte das Correntes. Ollar como nas rochas a carón do novo paseo, na avenida de Marín, os corvos mariños secan coas raiolas do sol de novembro etc... Resumindo: voltar sentir a natureza moi preto de nós.

Nun tempo, as praias máis cercanas eran as de Lourido, a Puntada e os Praceres, xa só na memoria. De cativos tamén nos bañabamos no Gafos ou no Lérez, aínda que dicían os maiores que era máis perigoso; Por iso a min pareceume un acerto e un éxito con moita aceptación a praia fluvial. Sempre me estrañou que non se fixera antes tendo un río tan fermoso tan preto... meus parabéns. Ademáis, é unha ledicia ir camiñando pola beira do río coa sombriza dos plataneiros e darse un baño nas augas do río. Para darlle unha actividade máis poderiase dotar dun servizo de lectura de libros, unha pequena biblioteca similar a que xa hai noutras praias. Sei que é tempo de crise, pero non suporía moita inversión, pois na caseta do vixiante poñeriase un pequeno moble e os libros serían dos fondos que edita o concello e a deputación. Tamén sería sobre todo un bo xeito de fomentar a lectura.