Travesía de Nigrán sentido descendente. Un sinal rectificado indica "Panjón" por Panxón. Tecnicamente "Panjón" non existe. É unha cacofonía tumba tímpanos. Pero se estás acostumado todo vale... Podes escoitar "San Genjo" sen precisar de aspirinas... San Genjo como tal tampouco existe. Síntoo polas inmobiliarias. Conste que "Vivero" por Viveiro sempre me despista. O de "Mugía" en troques de Muxía, soa máis a onomatopeia bovina. E moita vaca non teño visto por Muxía. Os máis atrevidos lanzan o termo "Jincio de Lima" por Xinzo. E tan panchos. Aquilo soa coma un obxeto linguístico non idenficado. Un OLNI, ja,ja,ja. Quizáis estanse a referir a unha localidade peruana en troques da Limia. O de "Corujo" por Coruxo non é comestible. ¿existe Lage...? teño as miñas dúbidas... Orense e Puenteareas son clásicos. Pero, curiosamente, en Ponteareas so se traduce a ponte. Coma o invento compostelán de "Puentepedriña" por Pontepedriña... Bayona, Noya, Oya, Tordoya ou Coya non teñen moita cencia. O peculiar é que todos estes termos son ditos por falantes galegos. A jota soa moi ben en lugares coma, el Ejido, Majadahonda, Villaconejos, Getafe, Jaén, Torredonjimeno, Jandía, Guadalajara ou Houston. "Houston" non pronuncia a jota senon "h" aspirada, mais para o caso ben vale.

Se pensamos que " La Coruña" ten máis glamour que "A Coruña"... ou que "El Grove" mola máis que "O Grove"... Houston, temos un problema...

Remato axiña cunha duda por resolver... ¿por que ninguén traduce Porriño...?