O próximo día 17 de xuño cúmprese o 131 aniversario da aprobación por ese Excelentísimo Concello de Vigo dos estatutos da "Caja de Ahorros y Monte de Piedad Municipal de Vigo", creada por ese concello baixo a súa protección e garantía.

A historia da nosa caixa está a piques de rematar da peor maneira, que é a súa desaparición total, xa que un banco xamais será unha caixa de aforros.

Paréceme que non é preciso entrar en detalles respecto das consecuencias que dita perda supón, xa que son dabondo coñecidas e suporía entrar nunha discusión sobre as complexas causas do ocorrido (aínda non ben debatidas), o que non é o motivo deste escrito.

Pero sí me parece oportuno propor que, por parte dese concello, aprovéitese a efemérides para facer unha homenaxe os persoeiros que a fixeron posible, así como unha revisión das causas que a fixeron fracasar, das que todos, dalgunha maneira, somos responsables.

E para que? Parece evidente que as razón son obvias, pero eu quero engadir unha máis.

Ao longo da historia é necesario recoller as boas experiencias para aprender a planificar o futuro. As causas económicas e sociais que xustificaron a creación da caixa de aforros naquel intre persisten no presente. Así pois, por que non tentalo de novo?

Posto que nos deixaron sen a nosa CAV, veño propor que a corporación municipal de Vigo inclúa nos seus debates a creación dunha comisión que estude e valore as posibilidades de constituír unha nova caixa municipal. E non o fago desde unha perspectiva localista, pois penso que o mesmo exemplo pódese aplicar noutras cidades galegas.

A eficacia da estratexia das finanzas xestionadas desde unha planificación global estaría garantida si se recuperase tamén a Federación de Caixas Galegas, en colaboración coa Xunta, así como a Confederación de Caixas Españolas (que ata fai pouco representaban a máis do 50% dos recursos financeiros do país).