Fraga e o premio Otero Pedrayo

Félix Caballero

Non digo que Manuel Fraga non fixese nada por Galicia, pero que lle dean un premio coma o Otero Pedrayo, que leva o nome dun dos galeguistas máis senlleiros, paréceme unha burla. Non é que Fraga nunca fose galeguista; é que foi antigaleguista. Claro que non é a primeira vez que sucede algo así. O mesmo ex ministro de Franco, cando era presidente da Xunta, entregou as Medallas Castelao a algunhas persoas que non se identificaron nunca co galeguismo.

Hai xa tempo que o PP entrou a saco na memoria do galeguismo, aproveitando a súa case orfandade, para desvirtuala de todo e apropiarse dela. Falan dun galeguismo "aberto, diverso e amable", como o fan tamén do bilingüísmo, para baleiralo de contido e poder utilizalo ao seu antollo. Celso Emilio Ferreiro xa o denunciou hai moitos anos nun poema sobre Castelao: "Olla meu irmáu honrado o que acontez con Daniel: os que o tiñan desterrado agora falan ben del".

O galeguismo histórico quedou case orfo, é verdade, pero aínda están connosco persoeiros coma Fernández del Riego, Pousa Antelo, Illa Couto ou Díaz Pardo. U-la súa voz? Por que non din nada?

Tracking Pixel Contents