Camiñaba aquela mañanciña de verán, abeirando as nubes cando a Fervenza dos Cans deixara de cantar e o vento ficara mudo nos montes do Suído e A Paradanta.

O cronista continuou a andaina devagariño cos ollos postos nas cartas que outrora lle enviara o inesquecible artista Luís Seoane dende o outro lado do Atlántico a Díaz Pardo para coñecer como se fora forxando o Laboratorio de Formas ou mesmo dicir Sargadelos e o Museo Carlos Maside.

O erguer a vista das enriquecedoras páxinas do volume, nos arredores do Cuartel da Garda Civil, persoas de diversas esferas sociais e laborais falaban devagariño en voz baixa, non tardando en coñecer a gravidade do suceso. A proximidade das bestas en A Cañiza acadaran coa forza vitalista e esperanzadora do garda civil que amaba o rock and roll.

Foi soterrado no camposanto vigués, nas faldras de A Guía, cuberto pola bandeira de España e levando consigo, tal vez, sin sabelo, o agasallo da Cruz de Mérito do Corpo o que servira, máis antes de deixar para sempre o Covelo sosegado que elixira para forxar o seu futuro ou o cercano Meirol para soñar e vivir á beira da familia, a nómina de camaradas, alén de extensa e variada, tiveron vivencias de dor a beira do Cristo pétreo dos Aflixidos, alí mesmo onde algunhas ocasións, este que escrebe, se cruzara con aquel mozo ataviado de chupa ou camisa caqui, dunha vida fértil, apaixonado polas músicas rockeiras e tan esixente na procura da confianza e da independencia persoal e comprometida igualmente na defensa individual e colectiva dos demais.

O Campo de Fútbol de Covelo, en días vindeiros convertiráse en cenario para acoller un festival, palco onde subirán grupos de aquí e de acolá, cuios sons inundarán as cúpulas frondosas das carballeiras próximas ata ecoar e bater nas portas do ceo para renderlle unha homenaxe o impagable Xorxe e con certeza, instrumentos e voces atronarán contra a bestialidade dalguns humáns que nen os montes circundantes lles deran acougo.

* En memoria do guardia civil asasinado en A Cañiza