Dado o tempo chuvioso e cincento que me ofrecía aquela tarde de domingo, decidín revisar a miña colección de postais. Foi entón cando redescubrín unha postal que me fora enviada desde Stavanger, unhas das cidades portuarias máis importantes de Noruega. Decateime entón de que aquela postal traía consigo, agochado, un episodio tan interesante como descoñecido da historia de Tui e tamén de Galicia.

Hai un par de veráns saín a facer deporte polo paseo fluvial, concretamente pola zona que en Tui se coñece como "O Penedo", o pé do Miño. Cando xa me retiraba un home achegóuseme e despois de preguntarme se eu era da zona, contoume que el era noruegués, e que decidira pasar un día en Tui para tentar localizar e visitar o lugar onde ocorrera un importante ataque viquingo. Dábase a casualidade de que desde había pouco tempo -a raíz de ler "As cruces de Pedra" na Bretaña de Castelao- eu tiña un certo interese polas relacións o longo da historia entre Galicia e o norte de Europa. Respondinlle que segundo lera nalgún libro, aquela era posiblemente a zona onde tivera lugar tal ataque.

A sorpresa do noso visitante medrou cando se decatou de que non había por ningures nin tan sequera un letreiro que informase ó respecto. Estivemos a falar un bo anaco. Segundo o noso amigo, estabamos ante un feito moi importante que despois tivo consecuencias relevantes para a nosa vila e para Galicia, como foi o traslado da sede do Arcebispo de Tui a Compostela no ano 1024 despois de que os Viquingos (noruegueses e daneses) destruíran a cidade e tomaran como prisioneiro ó mesmo Arcebispo. Por outra banda, o personaxe que comandou estes feitos tampouco foi un anónimo, senón que foi o mesmísimo rei Olaf de Noruega -posteriormente nomeado santo- do que escribiu amplamente, entre outros, Snorri Sturlusson, un dos pais da nación e da cultura islandesa.

Recuperar este episodio histórico -desde un punto de vista académico e turístico- suporía para Tui engrosar a súa riqueza histórica, e o mesmo tempo aumentaría o seu atractivo como vila a ser visitada. Do mesmo xeito, penso que as invasións viquingas, son unha páxina moi interesante e sobranceira da historia de Galicia e deberían ocupar un espazo propio na Cidade da Cultura.

Xerardo Fernández Blanco - Tui