Cando se lle reclaman máis servizos ou máis atención aos existentes, o alcalde de Salceda de Caselas, Chicho, acostuma a respostar: "Vos falades moito, pensades que as cousas se fan con "padrenuestros". Os cartos son os que son...", etcétera. E ten toda a razón. Claro que os cartos son limitados. Máis, o problema non é tanto a cantidade, sempre escasa e insuficiente para as necesidades existentes, senón a súa administración e a forma de gastalos. E, neste aspecto perde toda a razón, porque perde bastante o norte.

Fai uns meses contratou un secretario particular. E isto parece máis ben unha burla ou unha tomadura de pelo á cidadanía. Ou unha incompetencia absoluta pola súa parte para desempeñar o cargo. Non sei con cal quedarme porque, nin sobra o diñeiro, nin a contratación dun secretario particular é a necesidade máis apremiante que ten Salceda nestes intres (e ten moitas), nin Salceda é un concello tan grande e tan difícil de administrar para o alcalde e o seu grupo de Goberno, con adicación exclusivas incluídas.

Durante a transición dicían do señor Fraga Iribarne que era un home de Estado, porque lle cabía o Estado na cabeza.

Pois, aplicando o símil, a un bo alcalde deberíalle caber o Concello na cabeza. Pero, neste caso, non é así. Polo visto, é un problema de tamaño: ou o Concello é moi grande ou a "cabeza" do alcalde é moi pequena. Salceda ten trinta e seis con dez kilómetros cadrados e un pouco máis de sete mil habitantes. Calculen vostedes.

Pero, volvendo aos "padrenuestros", coma católico que é, decepcióname o señor Alcalde. Poida que os "padrenuestros" non resolvan moitos problemas materiais dos habitantes de Salceda, pero son moi bos para aliviar as penas das ánimas do Purgatorio. E postos na tesitura de que os cartos son poucos, pero os "padrenuestros" poden ser tantos coma ganas de rezar teña un, podía adicar os cartos a fins máis útiles e necesarios para o servizo aos veciños de Salceda e pagarlle ó seu secretario particular con "padrenuestros". Ó fin e ó cabo, o benestar da alma tamén é moi importante.

Menos mal que non se lle ocorreu contratar unha becaria... Vai haber que rezar moitos "padrenuestros"... e que Deus nos perdoe. E que nos dea algo de sentidiño, tamén.

Xoán Bargiela Domínguez - Salceda de Caselas