Escoller sempre resulta complicado, máis aínda cando o abano de posibilidades é tan grande como sucede na elección de Viguesas e Vigueses distinguidos, grupo no que se poden incluír persoas, entidades e mesmo a memoria de individuos ou colectivos de especial significado. Esta é seguramente a razón pola que a Comisión Viguesa pola Memoria quixo incluír ás persoas asasinadas nos comezos e ó longo da Guerra Civil.

Resulta arrepiante coller unha relación do Arquivo Municipal de Vigo e ver que dende o 18 de xullo ó 29 de decembro de 1936 foron asasinadas 101 persoas en Vigo, con idades comprendidas entre 18 (José Álvarez Froix) e 79 anos (Manuel Moreda Outeiral). Nesa macabra lista aparecen, entre outros, os nomes do sindicalista Enrique Heraclio Botana (64 anos), José Antela Conde (36), Emilio Martínez Garrido, último alcalde republicano, (50 anos). O día 29 de decembro fusilaron nove persoas; o 24 de febreiro de 1937, os asasinados foron dez, pero a marca sanguinaria bateuse o dous de xullo de 1938 co fusilamento no Castro de 29 persoas. O Lazareto da illa de San Simón converteuse nun campo de exterminio, tanto é así, que entre febreiro de 1941 e xullo do mesmo ano, os falecidos acadaron a cifra de 116 individuos, segundo consta nas actas "la mayoría por colapso cardiaco".

Estas persoas non eran delincuentes, eran cidadáns cunha

ideoloxía determinada, pola que foron perseguidos e asasinados. Non se pode xustificar, como se pretende facer ante a retirada da simboloxía franquista, argüíndo que "a historia está aí". Iso é un sofisma, de certo que a historia está aí, é inamobible, pero esta simboloxía non é a historia é a fraude da historia. De permanecer estes símbolos terían que ser enmarcados "na súa historia, no seu pretexto e no seu contexto", matando, fusilando... entón serían historia, doutra maneira son mensaxes alienantes, e nós, como di Zeca Afonso: "non cantamos para esquecer, cantamos para lembrar", non para odiar, senón para colocar a cada quen no seu sitio.

Os "mortos daquel verán" foron moitos. Alexandre Bóveda, xeneral Antonio Escobar, "un santo", en frase do cardeal Segura, Arximiro Rico Trabada, mestre liberador e outros moitos, que aqueles bárbaros blasfemos, mesmo no nome de Deus, profanaron o gran santuario que é a vida, logo trataron de xustificarse emborrallando fachadas de catedrais e igrexas coa complicidade dunha xerarquía eclesiástica, nesta cuestión tan insensible coma frívola.

Todos estes son Viguesas e Vigueses Distinguidos. O pobo é quen máis ordena e como sucedeu cos grandes santos foi o pobo quen os canonizou.

Xosé M.ª Pin Millares o Vigo