Son Serafín Camiña para información do señor Romero (apelido típicamente galego, por certo). Este home leu ou creu comprender que o meu artigo sobre a defensa do idioma galego era unha crítica cara Jonathan Aspas. Incluso ínstame a pedir desculpas! Seguramente todos os que teñamos dous dedos de frente estaremos a pensar que realmente non leu o artigo pois nel reflíctese ben as claras o que quixen dicir e de feito dixen.

Aproveitando unha anécdota protagonizada polo xogador realicei unha reflexión sobre a situación do idioma galego que adoece entre a xuventude deixando moi claro que respectaba a decisión de Jonathan a empregar o idioma que lle viñese a ben.

Polo tanto véxome na obriga de contestar a este personaxe, o señor Romero que tenta manipular un escrito non sei moi ben con que motivo. E o que máis me disgusta é que empregue esa linguaxe vulgar misturada con varias doses de xenofobia que todos debemos denunciar.

Non lle vou dar unha clase de Historia ó señor Romero, máis que nada porque adoito cobralas, e non lle vou a explicar a procedencia dos meus apelidos. Como tampouco a procedencia dos apelidos Carballo, Piñeiro, De Sá, Cancelas, Lojo, García, Quintana, Santos, Abal, etcétera, tan abundantes en Moaña e que, segundo el, chegaron a este pobo de igual xeito co chapapote. A todas estas persoas que levan estes apelidos é vostede o que lle ten que pedir desculpas por xenófobo (busque este termo no dicionario) e tamén por ese cheiro rancio que desprenden ás súas declaracións. Que créame, dan pena.

E si, estiven no mesmo colexio ca Jonathan e sei que sempre falaba castelán como a maioría dos alumnos que alí cursaban. Se non fose así non escribiría o artigo pois denunciaba precisamente iso. Que o galego morre e a proba a temos en vostede. Dí que é galego falante pero dubido que comprenda un texto escrito en galego. Se eu escribise a carta en castelán, sospeito que ata a tería comprendido e nos tería aforrado o ridículo de ler o que o FARO DE VIGO se atreveu a publicar.

Serafín Camiña o Moaña