Dende hai algún tempo proliferan no noso país tocadores e construtores de instrumentos foráneos que pouco a pouco están a facerse un oco dentro da nosa cultura musical. Este feito non me parecería preocupante de non ser polo trato que se lles está a dar e o maltrato que os nosos instrumentos reciben en contrapartida. Os que estamos dentro do "cotarro" tratamos de poñer freo ou, cando menos, de informar á sociedade do que está a acontecer para evitar, na medida das nosas posibilidades, que as próximas xeracións somente coñezan de oídas o que era unha gaita, un tamboril ou unha zanfona.

Por moitos é coñecida a polémica das gaitas marciais e da percusión de alta tensión, que son empregadas nas bandas de gaitas, principalmente na provincia de Ourense, e que xa teñen espallados os seus tentáculos polo resto do noso país. Esta tendencia a idolatrar o foráneo e a desprezar o propio ten na zanfona francesa (en adiante vielle) outro claro exemplo de pouca autoestima e o pouco valor que lle damos ó feito de ser galegos. Agochada tras un substantivo -ó meu xuízo pouco acertado- a vielle preséntase coma a "zanfona contemporánea", o instrumento desenvolvido e revolucionario co cal se poden facer verdadeiras "virguerías". Os que defenden o seu emprego argumentan que con ésta son capaces de expresar todo aquilo que a zanfona galega non lles permite, segundo eles pola pouca versatilidade que o noso instrumento ofrece.

A principal diferencia entre a zanfona e a vielle está en que a última posúe unha corda rítmica que o músico fai funcionar mediante unha técnica denominada "golpe de puño" e que lle confire ao instrumento un concepto totalmente distinto á nosa. Non é certo que a zanfona teña menos posibilidades que a vielle, simplemente é un instrumento diferente cuio emprego ó longo da súa historia fixo que tivera un distinto desenvolvemento.

O que non se pode ou non se debe facer baixo ningún concepto é botarlle a culpa ao instrumento do que un non é capaz de facer. Lembro unha visita que un músico francés me fixo non hai moitos anos. O xeito que tivo de facer soar unha zanfona construída nos anos 80 polo mestre Corral non fixo máis que reafirmarme nesta teoría. O instrumento non fai ao músico, o músico fai ao instrumento.

Existen, ademais, outros motivos que están contribuíndo a que a zanfona caia novamente no esquecemento no que xa estivo en épocas non moi lonxanas. Un deles é o escaso número de intérpretes que a tanxen con calidade nun escenario (contados cos dedos das mans sóbranme dedos) e os moitos que o fan sen preparación para despois escusarse sobre o propio escenario, alegando a complicada afinación que ten a zanfona.

Esto último poderiamos extendelo aos futuros tanxedores, cuia preparación a nivel de regulación e posta a punto do instrumento para unha interpretación satisfactoria resulta máis ben escasa.

O feito de que, en diferentes mostras de artesanía musical galega que se celebran no noso país, os construtores de vielles superen con creces aos de zanfonas tampouco contribúe á normalización da última, xa que os primeiros omiten explicacións alusivas ao concepto que envolve o seu instrumento e a necesidade de aprender as técnicas de interpretación francesas para sacarlle o máximo partido. Tamén é posíbel atopar nestas feiras caixóns flamencos, bodhrams e frautas traveseiras irlandesas. Non obstante, as organizacións destas mostras cóidanse de impedir a presencia de construtores de gaitas marciais, argumentando a no galeguidade das mesmas.

En fin, que a hipocrisía forma parte do noso ir e vir diario non é algo novo e que admiramos e idolatramos todo o que veña de fóra máis que o propio tampouco o é. Non estaría de máis que toda esta xente, construtores e tanxedores, investiran o seu potencial en fomentar a nosa cultura musical. Non estou en desacordo en que se constrúan e toquen todo tipo de instrumentos, pero omitir a súa verdadeira procedencia e o seu verdadeiro nome o considero un engano. Si establecemos diferencia entre unha gaita e unha bag-pipe, un acordeón diatónico e un cromático, entre unha viola e un violín, por que non entre unha zanfona e unha vielle?

Xaime Rivas Dacosta - Vigo