Pola presente diríxome a vostedes para manifestar a miña non conformidade, a miña perplexidade e o meu profundo desgusto por unha nova relativa á escolarización de inmigrantes e alumnos con NEE nos centros privados concertados (publicada no FARO DE VIGO 26-2-07).

Perante as declaracións do señor Louzao (dirixente da CIG) gustaríame facer algunhas puntualizacións. Dende hai 13 anos exerzo o meu labor profesional nun destes colexios e podo asegurarlle, señor Louzao, que polas nosas aulas, e as de moitos outros centros coma o noso, pasan moreas destes rapaces que neste momentos teño no meu pensamento. Lembro perfectamente os seus nomes e mais as súas caras. Eles e elas, de seguro, quererían agradecerlle á CIG que cunhas declaracións emitidas nun so artigo de prensa, vostedes fosen quen de resolver todos os problemas cos que se enfrontan decote.

De seguro que os nosos chineses, africanos, xitanos, sudamericanos, rapaces con severas discapacidades sensoriais, físicas e mesmo psíquicas agradecen a súa vontade de non telos en conta pois, o non estaren matriculados nun centro público, non existen (a pesares de que nós no centro superamos todas as porcentaxes que as autoridades académicas suxiren para estes casos, o cal pode comprobar vostede se así o quere). Non existen, señor Louzao porque, segundo vostedes, o noso centro non os deixou matricular porque xa tiñamos a matrícula cuberta ou debido a que queriamos evitar este tipo de nenos polas dificultades que provocan. Non existen porque os profesionais que traballamos cada día con eles non dedicamos máis esforzo e ilusión, non polos medios dos que contamos por parte da Administración por suposto, que con calquera outro dos nosos alumnos. Non existen porque están na privada concertada, que seica é a orixe de todos os males do universo, pero por riba de todo dos que ameazan ao ensino público. A miña guerra non é contra o ensino público nin contra a Consellería nin sequera contra os que fan este tipo de declaracións sen contido. Existen excelentes centros, bos xestores e magníficos profesionais que ennobrecen este marabilloso oficio de ensinar. A miña batalla vai contra as medias verdades, as inxustas xeneralizacións e as mentiras de conveniencia.

Tamén eu son traballador e máis representante dos meus compañeiros. Sei o que son os dereitos sindicais e o importante que é sentirse representado por alguén. Hai algúns anos propuxéronme presentarme pola CIG no meu centro privado concertado. Non atopei ningunha razón en contra e así o fixen. Hoxe, o ler a prensa, sentín que me equivocara no máis fondo. Que mágoa!

Hoxe un sentimento de fonda tristura asulagou o corazón de moitos docentes. Loitamos cada día, con máis ilusión ca medios, por educar aos nosos alumnos , sexan da procedencia que sexan, teñan as dificultades que teñan. Non nos insulten con vaguidades, que diría Pondal, respecten o noso traballo. Amen aos nosos alumnos que non por ser da privada cometeron delicto algún. Foi so unha escolla dos seus pais....Vanlle negar vostedes esa liberdade?

Lisardo Manuel Villanueva Areal - Vigo