A Peneda é un outeiro de rocha que faille de tapón, ós aires mareiros do sur cara terras do interior de Soutomaior, e parapeto do "vento-norte", para os veciños do Viso, en lindes de Redondela.

Esta pena foi e é un lugar máxico para os que habitamos preto dela.

No seu cumio hai unha ermida feita coas pedras da antiga fortaleza de Castriçan, derrubada por "Madruga" cando estaba en mans do bispo Fonseca, que tiña no miradoiro o punto de vixilancia para controlar as "ruadas" do enigmático feudal.

Na roda norte hai restos dun asentamento castrexo. As cunchas de ostra atopadas e a bo seguro recollidas na ría de Arcade, son testemuña do gusto culinario dos nosos antepasados.

No século dezanove, un andazo de tuberculose trouxo a morte a moita xente moza da zona. Dado as crenzas e temores ante un mal estraño, os rituais e meigallos repe- tíanse polas noites de lúa chea na aba do monte, onde as luminarias queimaban as roupas contaminadas e afastaban en fume infinito, os males que asesaban o val do Verdugo.

O sábado día vintecatro de xuño, colectivos de Redondela, Soutomaior e Vilaboa, levamos a cabo por décimo ano consecutivos, a "Subida dos Fachos". Máis de mil persoas en vagalume, portamos acesas as luminarias á Peneda en gran ritual de purificación e reivindicación. Espantamos os malos espíritos, axudamos a saír de mágoas a alma de Pedro Madruga, pedimos para que os nosos gobernantes saian de lusco e fusco, e vexan luz clara para iniciaren ese proxecto de recuperación ambiental que tanto demandamos os que día a día nos levantamos coa ollada posta nesa indestructible montaña; protectora de amor e amantes, vixiante solitaria de suspiros e devezos, fogar da Señora das Neves, vinculeira de- sexada...

Transmitímosche amadísima Peneda, a nosa aperta solidaria a través da sobreira centenaria que aínda mantés agarrada coa forza que che queda nas veas. Fixemos promesa, para librarte de eucaliptos que zume-zugan ós nosos carballos e do entullo e lixo que te engordan, de sacarmos esa liña de alta tensión que non che deixa luci-la saia, feita con carqueixa e alecrín, bordada cos seus cabelos de ouro polas meigas. Queremos mirar na túa faciana os ollos máis grandes e fermosos, que nos amosen, o reflexo da beleza que te rodea, dende as Cíes ó Suído, dende Cotorredondo ó Penide da Mámoa do Rei.

Seremos fieis vasalos para que sexas por sempre a Raíña dos nosos mellores soños.

M.ª Carmen Alvarez Domínguez - Lourido (Soutomaior)