Enchufismo ou face-las maletas

Desafortunadamente, éste é o lema que persiste en Galicia e que cada ano obriga a que as novas xeracións teñamos que abandona-la nosa terra, xa que non tanto por falta de oportunidades como na época dos nosos país, senón porque as oportunidades en Galicia ríxense por unha política clientelista baseada no enchufismo e non en méritos académicos e profesionais.

Tras pasar varias anos no estranxeiro a estudar e traballar, este verán regresei a Galicia decidida a probar sorte no terreo laboral.

Encontreime cun panorama descarado de enchufismo e de falta de transparencia e profesionalidade na administración de Fraga. Isto púxose de manifesto concretamente na adxudicación dunhas becas para a formación de expertos en cooperación internacional. Na valoración dos méritos académicos e profesionais, dos 8,3 puntos de 10 que me corresponderían segundo o criterio publicado no DOGA, só se me adxudicaron 4,1. Na miña loita por coñece-lo desglose desta puntuación, que por suposto non se fixo público nun primeiro momento, escoitei de todo: desde erros de reconto ata incompatibilidades entre as razóns achegadas por diferentes funcionarios. A comisión avaliadora adxudícame menos puntuación porque considera que ésa é a "adecuada" e pensa que traballei case 3 anos de maneira voluntaria, pese á proba das contribucións á Seguridad Social. ¡Menudo "despiste"! E por se fora pouco, tiven que escoitar de boca dunha funcionaria que é unha pena que persoas cun bo CV teñamos que ir fóra de Galicia por falta de oportunidades.

Oportunidades en Galicia, habelas hainas, o que non hai (ou había na Xunta de Fraga) é vontade de outorgalas acorde con méritos académicos e profesionais.

Espero que o novo goberno traia aires renovadores. En fin, comparto a miña rabia e impotencia con vostedes desde Bruselas, posto que na Comisión Europea si valoraron os meus esforzos e méritos. Xa ven, voltei a face-las maletas.

Silvia Álvarez Santos - Bruselas

Tracking Pixel Contents