Falemos galego

A lingua é o sinal que mellor nos identifica e a duración da fala é a única posibilidade de que existamos como pobo.

A Xunta de Galicia comezou a promover o uso do galego con campañas de normalización lingüística (facer normal o uso do galego) dende o ano 1984 ata hoxe, e o pasado ano aprobouse por unanimidade no Parlamento Galego o Plan de Normalización Lingüística que está orientado a informar e a poñer en práctica unha serie de medidas que permitan a recuperación de galegofalantes; malia que cada vez máis pais crían os seus fillos en castelán que son os herdeiros naturais do noso idioma e os que deben loitar para que non desapareza a maior obra de arte do pobo galego.

Os responsabeis de mellorar a saúde da nosa fala van a ser millerios de cidadáns nas súas empresas, nos seus lugares de traballo, na súa relación social, nas súas familias, na administración pública, nos medios de comunicación, en resumo, depende pois do sentimento de amor a Terra e da vontade e dignidade de nós, os galegos.

Castelao dicía que o apagamento dunha lingua corresponde a dexeneración do pobo que a fala e á rendición da súa nacionalidade.

Tamén falaba deses políticos que intenta rexer a cousa pública e mandar no pobo, falando sempre en castelán, desprazando a lingua do pobo que eles pretenden rexer.

Velahí algunhas frases célebres de escritores galegos que loitaron a prol do noso idioma:

"Ningún idioma alleo poderá expresar, en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego"

"O galego que non fala na lingua da súa terra nin sabe o que ten de seu, nin é merecente dela"

"Cantar hei, Galicia, na lingua galega, consolo dos males, alivio das penas"

Un galego que fala o galego defende o patrimonio máis valioso que ten e que o identifica como tal; mentres un galego que non fala a súa lingua non só non defende ese patrimonio senón que ademais é culpable da súa morte.

De cada galego depende pois que a nosa fala, a maior creación do pobo galego, avance e perviva, "mil primaveras máis", como lle desexou o gran Álvaro Cunqueiro. Falemos galego!

Carlos Vázquez Gil - Arbo

Tracking Pixel Contents