Greenpeace fixo público un informe sobre a destrución da costa en todo o estado español. Era evidente que O Morrazo tería que saír dun xeito destacado. Un estudio serio e responsable sobre a nosa comarca, que moito me temo que aqueles que teñen a posibilidade de mellorar a situación, nin sequera lle fixeron caso. Triste realidade a que vive O Morrazo, xa non é só na costa, con proxectos de todo tipo, aberrantes e indecentes que deterioran a ría e a costa, tamén no interior, nos campos e montes. Os concellos pelexan contra vento e marea para sacar adiante os PXOM como algo moderno e necesario, pero o efecto que está a producir é a especulación e enriquecemento de grandes empresas, que nalgúns casos presionan e asoballan dun xeito prepotente ós donos dos terreos, como está a pasar en Tirán. Mal está a cousa se os axuntamentos para vivir teñen que entrar a trapo nesta desfeita imparable. Isto é comida para hoxe e fame para mañá, pois ó ritmo que vamos, en vinte anos no Morrazo non quedará un metro sen edificar, e por riba, os concellos seguirán empeñados ata os dentes, coma hoxe. O monte tamén lle chegará o seu momento axeitado, todo comeza cos polígonos industriais, despois...

No conxunto da comarca hai máis de mil vivendas sen ocupar, nalgúns casos só no verán, mentres miramos atónitos cómo se promoven novos convenios urbanísticos de miles de vivendas, sen sentido, sen xeito, etc. Hoxe estamos a padecer un retroceso nos servizos tanto privatizados coma sen privatizar, recollida do lixo, auga e depuración, tráfico, etc., neste aspecto o futuro semella bastante negro. Xa non se respecta nin zonas protexidas, nin de protección forestal, nin de zonas agrícolas, nin nada, todo vale con tal de facer caixa.

Hai unha realidade que non se pode agochar, ningún concello dende hai moitos anos, foi capaz de declarar algunha zona como protexida, pero de verdade, e hai algunhas para recibir tal recoñecemento, tanto na costa como en terra. Imos para atrás imparablemente , unha comarca sen recursos naturais propios cando había de abondo. Camiñamos á calidade de vida cero, aínda que na fantasía dos que mandan, a todo esto chámanlle progreso sostible, só o creen eles.

Luis Chapela Bermúdez

o Moaña