Nestes tempos de alternancia política no noso Goberno, comezan certas inquedanzas e preocupacións en determinadas persoas porque están a ver como o invento copiado que eles mesmos crearon hai xa anos das bandas de gaitas que imitan ás escocesas está a piques de esmorecer pouco a pouco pola nova situación política que se está a dar na actualidade en Galicia. A actitude amosada ata agora polos nosos gobernantes non é outra que a dun rexeitamento incomprensible ó noso patrimonio cultural, recurrindo ó modelo escocés nas bandas, que nada aporta a nosa música.

É moi curiosa, por exemplo, a amable e sospeitosa predisposición de Xosé Lois Foxo (Director da Real Banda e da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense) a ofrece-los seus servizos para actos gubernamentais, como veu facendo ata agora. Nunhas recentes declaracións a un medio de comunicación escrito da nosa terra, deixa caer o seu evidente bo trato con todo o mundo afirmando: "Eu respecto tódalas posturas e teño amigos en tódolos partidos". Xa o sabemos, señor Foxo. É do que se trata. Dalgunha maneira ten que gañarse a vida. No obstante, menciona a dignificación da gaita como algo moi importante para a música galega e para Galicia. Pero, ¿de que dignificación estamos a falar?, ¿da dignificación da nosa gaita galega ou desa gaita e dese modelo de banda de gaitas que inventou e que dende hai anos tenta que se asuma como propio cos cartos de tódolos galegos e co visto bo dos nosos gobernantes? Non, señor Foxo, as cousas hai que chamalas polo seu nome. E vostede nunca o fixo.

O tema das axudas económicas a estes colectivos musicais pro-escoceses tamén é tratado sutilmente polo señor Foxo, pois coa nova executiva socialista-nacionalista non está nada claro o reparto destas subvencións, polo que el mesmo afirma que "agardamos que todo siga máis ou menos igual, senón quedaría patente que se trata dun desprezo". Curioso, ¿dun desprezo a que e a quen? E logo, dende que este invento copiado existe ¿non se despreza á música galega? E aínda máis: non se respecta a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia, na que figura todo o contrario do que vostede e o Goberno anterior fixeron. Non respectar esta lei supón ir contra a cultura da nosa terra e contra todos nós. E iso si que é un desprezo e unha falta de respecto. Non hai que preocupase de se este Goberno vai ou non vai respectar á gaita: a nosa gaita será respectada. As gaitas que non son nosas... veremos.

Ricardo Casás Salgado, Luis García

Corral y Ramón Rodríguez Palleiro,

en representación do Colectivo

en Defensa da Gaita (CDG) - A Coruña