O abaixo firmante solicita ser informado sobre que tipo de sancións lle serían aplicables a aquelas persoas que derruban edificacións do século XVII, pertencentes ó espacio protexido dunha rectoral -ó ladiño dunha igrexa barroca-, que permiten que as pezas dun conxunto arquitectónico barroco (un portalón) "viaxen" a fincas privadas para ser alí instaladas e que oculten ós cidadáns os destinos de tales pezas.

Prega tamén, o abaixo firmante, se teñen a amabilidade, ser informado sobre que tipo de sancións lle podrían ser aplicables ós responsables do desaguisado descrito no párrafo anterior se, despois da desfeita, incumplen a teórica obriga da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia (Delegación de Ourense) de reconstruír o elemento patrimonial derrubado.

Sen ánimo de ser pesado, prégolle tamén que me informen se é que existe algún tipo de sanción que poida aplicárselle ó personaxe teórico dos párrafos anteriores, cando a obrigada reconstrucción se demora no tempo, así como se é necesario poseer algún "status" especial para poder saír airoso destas pequenas cousiñas.

Tanto se tiveran a ben informarme de tales extremos como no caso contrario, solicito sexa revisado o asunto do portalón barroco derrubado en San Cibrán de Lás (San Amaro, Ourense), subvencionado tal derrube polo Concello de San Amaro no mes de xaneiro do ano 2001.

Unha interesante aplicación práctica do suposto teórico co que escomencei este escrito.

Dende o mes de marzo de 2001 ata hoxe, seguen a decirnos continuamente que van a reconstruilo, pero non nos dicen onde.

É importante sinalar que o propietario dunha casa rural que se atopa no concello de Ribadavia foi o primeiro destinatario das pedras que formaban o portalón.

Tamén sería importante que me informasen sobre que tipo de sanción lle podería ser aplicable a un señor que é sorprendido con pezas pertencentes a un ben patrimonial protexido.

Para finalizar e, abusando un pouquiño da súa paciencia, solicito tamén ser informado sobre o número de escritos que presentei nesa consellería denunciando este caso desde o mes de marzo de 2001, co gallo de solicitar un oco no "Guinnes".

Co interés en non resultarlle demasiado pesado, despídome atentamente.

Felisindo González Iglesias - O Carballiño (Ourense)