12 de mayo de 2006
12.05.2006
OS CAMIÑOS DA VIDA
 

Ese é Monteferro

12.05.2006 | 02:00

Uun poderoso cabezo ourizado de piñeiros que entra como promontorio na ría de Vigo e aínda semella prolongarse nas pequenas illas Estelas. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Un poderoso cabezo ourizado de piñeiros que entra como promontorio na ría de Vigo e aínda semella prolongarse nas pequenas illas Estelas. Coas outras illas, coas soberbias dos deuses, coas Cíes, dialoga desde antes da existencia do nome Monteferro, ou Monte Ferro. Desde o mar e desde terra Monteferro é un punto de referencia da paisaxe de Turonio, esa vella Terra que media entre o Miño e a ría de Vigo.
Ocorre que dúas forzas converxentes conflúen para arruinar a beleza e a potencia natural de Monteferro. Por unha banda, a cobiza de lucro desmedido dos propietarios da terra, asociados nunha xunta de Montes de Panxón que se move con criterios contrarios ao que debía ser a divisa de todos os que administran uns comunais "devolverlle os tesouros da natureza que herdamos aos nosos descendentes non só como os recibimos senón mellorados". Estas persoas interesadas queren incrementar sen límite o valor dos seus metros cadrados particulares e sacrifican o monte sen dó para esta revalorización. Naturalmente, que os apoia é a Deputación Provincial de Pontevedra, que sempre está, ben mandada por un PP ao máis puro estilo, disposta a afagar os instintos especulativos aínda que, como é o caso, lle coste á sociedade de todos os veciños e de todos os habitantes do litoral e de Galicia o deterioro dun espazo natural único.
Primeira consideración: Montefeerro non é só dos que gobernan a Comunidade de Montes de Panxón e que desexan incrementar o valor das súas propiedades non comunais senón privadas. Monteferro é de Galicia e a Xunta, por riba da Deputación, ten a obriga de salvalo desta ameaza.
E que pretenden facer a Comisión de Montes e a Deputación en Monteferro? Novos acceso innecesarios, circunvalación de tres carrís, unha rotonda entre 36 e 24 matros de radio, coa conseguiente corta e disminución da masa forestal, parkings, beirrarúas e farois por todo o espazo boscoso, novas pistas asfaltadas.
A Xunta de Galicia, entre intre, tén que prestar ouvidos a aqueles que reclaman en Nigrán un tratamento en materia de planificación do monte e do literal que nos asemella a Escocia ou a Alemaña e non a Torremolinos. Se o turismo de calidade e mailo goce dos galegos é un obxectivo en materia de medio ambiente, a paralisación do proxecto de Monteferro pode ser unha medida que nos convenza de que este goberno autonómico non tén nada que ver co goberno de baixos voos da Deputación de Pontevedra, triste residuo do pasado en canto institución e en canto as ideas que nela dominan.
Mañá, ás doce da mañá, haberá unha concentración diante do Concello de Nigrán. "Midi le juste", que dicía Paul Veléry, e cítoo porque en Monteferro escribiu Xohana Torres algúns dos mellores poemas das letras galegas contemporaneas. Entregaránselle ás autoridades 9.000 asinaturas contra todo un modelo de deterioro da natureza en favor de minorías.
Nota: Miguel Anxo Seixas avísame: Castelao non viaxou a París en avión sernón en buque trasatlántico e en tren. Perdón polo erro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook