Vai celebrar o centenario da súa fundación a que se chama oficialmente Real Academia Galega, e algúns dicimos só Academia. Como nos días da República nos que Castelao, Cabanillas, Otero Pedrayo e a flor da nosa cultura ocupaba os seus asentos. Falouse estes días atrás da Academia porque o seu presidente, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e Xunta de Goberno visitaron, con grande resoancia mediática (dise así agora), a conselleira de Cultura. A prensa suliñou tres aspectos do encontro: o cordialmente coa que a señora Bugallo acolleu a Institución, as declaracións do presidente no sentido de que a Xunta anterior non estivera nunca receptiva ás propostas saídas da Rúa das Tabernas e o apoio económico prometido pola Consellaría para a digna celebración dos fastos do Centenario.

Todo elo é certo. Convén facernos acordantes de que o Pleno da Academia elaborou un importantísimo informe no que se especifican as medidas políticas e prácticas necesarias para preservar a lingua e evitar a súa perversión e o seu desuso. Sometido a Fraga Iribarne, este tirou ao lixo o documento, que vostedes poden consultar na Trabe de Ouro e na páxina web da propia Academia. No texto académico reclamábase algo fundamental: que a Dirección Xeral de Política Lingüística deixase de ser un departamento da Consellaría de Educación e se convertise nunha Secrataría Nacional da Presidencia da Xunta con autoridade en todos os ramos do Goberno autonómico. Só así, pensaba e pensa a Academia, podería evitarse a agresión permanente ao galego en Consellarías como Agricultura ou Industria que continuamente se veñen perpretando. Véxanse os casos das denominacións de orixe chamadas en castelán "orujo gallego" ou "ternera gallega". Só unha autoridade lingüística exercida desde a cúpula da Xunta podería, poñamos por caso, esixir que todos os instrumentos notariais dimanantes do poder autonómico se labrasen en galego, o cal daríalle ao noso idioma un impulso colosal como sempre sostivo a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística. Fraga Iribarne non fixo caso, porque odiaba a Academia e o que ela representa historicamente. Fixo, pola contra, todo o posíbel por mediatizala e por imporlle uns novos estatutos nos que ela perdería a súa independencia e pasaría a ser un simple instrumento da Xunta de Galicia. Felizmente, e durante a Presidencia de Francisco Fernández del Riego, o perigo conxurouse, pero a inquina do PP contra a Academia perdurou. O PP inventou e dotou o Instituto Ramón Piñeiro (analicen por que Fraga Iribarne lle chamou así) como instrumento de cultura dócil ao mando. Todos os académicos estarán contentos (eu estouno) do novo tipo de relacións que Ánxela Bugallo e Barreiro Fernández estatuíron estes días. Non se trata, principalmente, de diñeiro. Trátase de salvar a lingua, ferida de morte. A Academia fará moi ben en insistir unha e outra vez na necesidade dunha nova política lingüística que, abolindo a falacia PP do "bilingüismo harmónico", entre a fondo en medidas reais de restauración do idioma propio de Galicia. Se así o fai, non lle faltará á Xunta de Galicia o apoio da máis alta institución galega en materia de Lingua.