Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Segunda Feira

Espiral Foz

Morreu, hai uns días, Luís González Blasco, «Foz», de quen eu quixera que este xornal me permitise unha glosa á súa figura política e humana. Nado, dunha familia asturiana occidental, na vila de Foz e no ano 1941, é unha figura importantísima na historia da organización nacionalista de esquerda en Galicia. Nalgún tempo formou parte do grupo intelectual Brais Pinto e contribuíu a mellora da autodisciplina e capacidade crítica do colectivo. Foz evolucionou ao activismo a tempo completo no que se debrocou precisamente no ano 1968, ano en que, coa policía atrás del, veuse obrigado a pasar a Francia.

Foz seguiu, en calidade de experto en políticas internacionais varias, cada acontecemento doméstico que tivese importancia ao seu xuízo. Desde a campaña colectiva levada a cabo contra o clero fascista de Galicia até as folgas xerais obreiras do 72 e mais os movementos antifenosa, antiautopista, e demais convulsións populares. En todas elas estivo Foz presente aínda que se achase corporalmente ausente ou en clandestinidade en País estranxeiro (Francia, América, Portugal...). Foz arraizou especialmente en París e o seu centro de información estivo durante moitos anos no 5 da Rue Aubriot da capital francesa onde figuraba o seu posto de traballo oficial na editorial Ruedo Ibérico. En canto aos seus estudos académicos foron desde a carreira de Ciencias Químicas en Madrid á de Lingüística Xeral na Universidade de París VIII.

A partir deste momento Foz tivo acceso ao ensino público en Francia e en España. Por outra parte, foi facéndose un escritor de necesaria consulta en temas históricos determinados. Estivo presente en acontecementos que unen Galicia con países como Irlanda, Bretaña, Arxelia, Portugal...

Déixanos un amigo leal e unha persoa radicalmente boa e pacífica. Algúns libros escritos por el resultan extremadamente útiles para o coñecemento da historia de Galicia. Pódense citar: A política e a organizaçom exterior da UPG (1964-1986), Laiovento, Santiago 2012; A UPG em Portugal e alguma coisa mais, Através Editora, 2022; Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego, Xerais, Vigo, 2023.

Ademais, todo o que Foz deixa inédito esperamos velo publicado axiña.

Séxalle a terra leve ao incansable camarada e ben querido amigo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents