Opinión | VOYAGER

Escritora
O crime foi en Granada

Federico García Lorca. / Europa Press
Esta pasada semana en que se cumpriron 90 anos do asasinato de Federico García Lorca, fusilado na madrugada do 18 de agosto de 1936 no camiño de Víznar a Alfacar —aínda que durante anos se manexou tamén a data do 19 de agosto— lembrei que cheguei á súa poesía a través dun coleccionable que vendían nos quioscos. Eu tiña catorce anos e descoñecía que Federico fora asasinado por homosexual, por «rojo peligroso», por masón e por espía dos rusos, mais a curiosidade por coñecer a súa poesía —que daquela non se estudaba en BUP— levoume a gastar a paga semanal nun exemplar de Poeta en Nueva York. Aínda conservo ese volume que me fixo comprender a dimensión planetaria de Lorca e me provocou unha profunda conmoción.
Nunha daquelas tardes do fatídico verán do ano 1936, Lorca soñou que estaba deitado no chan e que era ameazado por un grupo de mulleres vestidas de loito que portaban crucifixos. Regresara a Granada para pasar uns días xunto a súa familia na Horta de San Vicente, sen saber que xa nunca podería volver marchar, como expresou Antonio Machado na elexía que escribiu, atravesado pola dor, cando lle chegou a nova do asasinato de Lorca: «El crimen fue en Granada, ¡en su Granada!», a súa terra, aquela que constituía o substrato da súa poética, tan inmensa.
Na mañá do 18 de agosto do 36, o rumor de que mataran a Lorca empezou a estenderse. Un dos que se gababa de formar parte do pelotón que o asasinou foi o fascista Juan Luis Trescastro Medina, que narrou con orgullo que estivera en Alfacar fusilando rojos. «Vengo de darle dos tiros a García Lorca en el culo, por maricón», dixo no bar Jandilla. Seguiu repetindo esa frase ata a súa morte no ano 1954. Federico foi para el unha especie de trofeo de caza.
O pasado mércores —o día despois do noventa aniversario do asasinato de Federico García Lorca— falecía en Sevilla, aos 89 anos, Ricardo Pachón, unha figura crucial para entender a transformación do flamenco. O primeiro laboratorio de Pachón foi Smash, o grupo de rock psicodélico que entrou na escena sevillana a finais dos setenta. Sevilla, a través da base e Morón e Rota, era a provincia pola que entraba o rock vangardista que se estaba facendo no Reino Unido e en EE UU. Contaba Pachón que en Sevilla escoitaron a Pink Floyd dez anos antes ca en Madrid, e que poñían os seus discos en loop, absolutamente obsesionados. Pachón, atravesado por esa tendencia, tivo a idea de xuntar a Smash co cantaor e guitarrista Manuel Molina. Pero Molina detestaba o rock. Pachón aseguroulle que se aceptaba traballar con eles, influiría para acortar o servicio militar de Molina. O cantaor aceptou e así naceu El garrotín, obra inaugural do flamenco-rock. Pachón tamén asinou obras referenciais coma Nuevo día (1975) de Lole y Manuel, Veneno (1977), con Kiko Veneno e Raimundo e Rafael Amador e o monumental La leyenda del tiempo (1979), de Camarón. Gústame pensar que nacín no ano en que viu a luz esta caixa das marabillas da que renegaron e sobre a que cuspiron os puristas, coma se Camarón encarnase un sacrilexio imperdoable contra o flamenco ao atreverse a ser libre. A orixe deste trebón musical está en Pachón, que adaptou o acto terceiro da obra teatral de Federico García Lorca Así que pasen cinco años, que o poeta subtitulou La leyenda del tiempo e que logo acabaría convertido no nome do disco. Así foi como se fraguou un cataclismo. O disco naquel momento vendeuse pouco, como adoitaba suceder coas obras asinadas por Ricardo Pachón, mais o tempo converteuno en lenda.
Unha amante das casualidades coma min non pode pasar por alto o feito de que Lorca rematase Así que pasen cinco años, unha das súas obras máis experimentais, asociada ao seu «teatro imposible», unha peza sobre o tempo, o amor, a busca da identidade e a morte —sobre todo, a morte— o 19 de agosto 1931. Cinco anos despois, coa diferenza dun día, o autor era asasinado, adquirindo a obra unha resonancia case profética. Mais a coincidencia quixo que isto non rematase aquí e que Ricardo Pachón, quen anos despois transformou a obra de Lorca a través da voz de Camarón, morrese tamén un 19 de agosto, pechando este círculo tan poderoso.
Suscríbete para seguir leyendo
- Piden el cese del jefe de gabinete del vicepresidente de la Diputación de Pontevedra y él alega que era un «trend» de TikTok
- Adiós al bosque que plantó y cuidó durante décadas Arturo, un vecino de As Lagoas: Adif taló la mayoría de los 50 ejemplares de árboles que era refugio climático y de aves
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- El IES que se quedó sin cafetería: «Sin poder vender bollería o refrescos, las cuentas no salen»
- Las zonas de bajas emisiones ya son una realidad en Vigo: así funciona la primera fase y vehículos afectados
- Fallece en Vigo Antón Pulido, referente del arte gallego, a los 81 años de edad
- Un coche impacta contra un céntrico supermercado de Vigo y hiere a una empleada