Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Senén Barro Ameneiro

Senén Barro Ameneiro

Director do CiTIUS da USC

A ninguén lle importa

O 22 de xuño de 2026, Donald Trump asinou no Despacho Oval da Casa Branca dúas ordes executivas relacionadas coas tecnoloxías cuánticas. Alí estaban con el varios membros do seu Goberno e representantes do sector tecnolóxico. O acto facía visible a vontade dos Estados Unidos de manter o seu liderado nun ámbito científico-tecnolóxico de crecente interese e estratéxico para a computación, as comunicacións e a seguridade: o das tecnoloxías cuánticas.

Nun momento dado, o secretario de Enerxía, Chris Wright, comezou a falar de Albert Einstein. Ao facelo, equivocouse varias veces ao calcular o tempo que transcorrera desde que Einstein publicara un dos seus artigos fundamentais na historia da física. En concreto, aquel no que explicou o efecto fotoeléctrico e propuxo que a luz podía comportarse como paquetes discretos de enerxía. Foi unha contribución decisiva para o nacemento da física cuántica e o traballo polo que Einstein recibiu o Premio Nobel de Física. Un premio que tamén podería ter recibido por calquera dos outros dous artigos que publicou ese mesmo ano, cualificado como ano milagroso pola súa contribución á física moderna. Non é para menos. Einstein describiu nun segundo artigo o movemento browniano —o desprazamento continuo, irregular e aleatorio de pequenas partículas suspendidas nun líquido ou nun gas, causado polos choques coas moléculas do medio— e no terceiro a relatividade especial, que tivo unha breve continuación, publicada tamén ese mesmo ano, na que se establece a equivalencia entre masa e enerxía, expresada na ben coñecida ecuación que iguala a enerxía dun obxecto coa súa masa multiplicada pola velocidade da luz ao cadrado.

O erro de Wright é unha anécdota sen importancia, pero non o é o que dixo Trump ao interrompelo: «Nobody cares». Ese «a ninguén lle importa» foi seguido inmediatamente polas risas de todos os presentes. Mesmo do propio Wright, que cualificou o comentario de Trump como unha observación aguda.

Son consciente de que Trump puido non pretender desprezar a contribución de Einstein á física. Nin sequera teño claro que saiba quen foi Einstein. Quizais só pretendía sacar a Wright do apuro no que se metera ao atascarse coas datas. Porén, chove sobre mollado. Trump deu sobradas mostras de que a ciencia lle importa un corno, e unha demostración máis puido verse este ano cos severos recortes que aplicou á investigación e ao desenvolvemento non vinculados á defensa.

A escena vivida foi tamén o reflexo dunha confusión moi estendida entre ciencia e tecnoloxía. A tecnoloxía ofrécenos resultados que percibimos como útiles e economicamente rendibles, pero a ciencia, pola contra, adoita avanzar lentamente; formula preguntas cuxa rendibilidade resulta incerta e necesita anos, e ás veces décadas, para comprobar hipóteses que poden acabar sendo falsas.

É moi atractivo inaugurar un computador cuántico, sobre todo se o fabrica o teu país. Resulta moito menos atractivo explicar as décadas de física teórica, experimentación, financiamento público e formación especializada que fixeron posible construílo. O mesmo acontece coa intelixencia artificial, á que agora todo o mundo se apunta pero non cando houbo que financiar unha investigación con altibaixos e cun valor económico máis que dubidoso. Queremos medicamentos, pero non os anos que require a investigación previa nin os longos ensaios que a maior parte das veces acaban en nada.

Por fortuna, a frase de Trump non representa á sociedade estadounidense. Nunha enquisa publicada polo Pew Research Center en xaneiro de 2026, o 84 % dos estadounidenses consideraba valioso o investimento público destinado a avanzar no coñecemento científico. Ben é certo que só o 61 % consideraba que a ciencia tivera un efecto principalmente positivo sobre a sociedade, fronte ao 73 % que o afirmaba en 2019. A ciencia mantén un amplo apoio, pero o seu prestixio deteriorouse e converteuse en obxecto de división partidista. A posición de Trump e doutros dirixentes cientificamente analfabetos, que ademais fan gala diso, non só non axuda a corrixir esta tendencia negativa, senón que mesmo pode ser unha das súas causas.

Trump admira os froitos da tecnoloxía mentres despreza a árbore da ciencia. Quizais tampouco saiba que a froita que hai nos andeis dos supermercados se recolle das árbores.

Tracking Pixel Contents