Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Senén Barro Ameneiro

Senén Barro Ameneiro

Director do CiTIUS da USC

PalabrerÍA

Nunha recente viaxe en tren ía sentado xusto ao carón deses asentos enfrontados, cunha mesa no medio, que tanto odio cando me tocan nesa distribución supostamente aleatoria. Recoñezo que, para unha familia ou un grupo de amigos, poden facer a viaxe moi entretida, pero, para quen viaxa só e cun libro, son unha fonte continua de distraccións e unha incomodidade considerable se un ten as pernas longas.

Nesta ocasión, neses asentos viaxaba un grupo de estudantes universitarios. Ían contándose as súas cousas e facendo bromas continuamente. Un deles comezou a falar da intelixencia artificial con desdén, mesmo con desprezo. Todos recoñeceron que a utilizaban, pero tamén asentiron ao afirmar que non lles gustaba o imperialismo tecnolóxico dos Estados Unidos nin como a IA o acentuaba e, sobre todo, falaban da súa preocupación diante da ameaza que pairaba sobre o seu futuro profesional.

Fíxome graza cando un deles lles propuxo aos demais dicir palabras «de merda» –limítome a reproducir literalmente o que dixo– que rematasen en «ia», e comezou cun par de exemplos: tiranía e hipocrisía.

Non as lembro todas, porque eran seis disparando palabras a boca chea, pero apatía, infamia, desidia, prepotencia, demagoxia, paranoia, bazofia e mesmo pedofilia foron algunhas das que oín. Hainas a centos, non sei se preparadas polo destino para ocasións coma esta.

Nos Estados Unidos é cada vez máis patente a animadversión cara á IA entre a mocidade. Malia o que poderiamos pensar, a sociedade estadounidense é unha das máis críticas coa intelixencia artificial. Menos dun 40% dos estadounidenses considera que a IA lles achega ou lles achegará máis cousas positivas que negativas. Entre os universitarios, ese rexeitamento resulta cada vez máis evidente. Aínda que logo achegarei datos, sirva como exemplo a apupada que os estudantes da Universidade de Arizona lle dedicaron a Eric Schmidt, antigo conselleiro delegado de Google, durante o seu discurso na cerimonia de gradación celebrada en maio deste ano. Schmidt recibiu sonoras apupadas cando comparou a irrupción da IA coa revolución informática. Noutras universidades, como a Universidade da Florida Central, repetiuse a mesma historia.

Pero vaiamos ás cifras, que por algo esta columna dominical titúlase «Cifras e letras». Gallup publicou este ano un informe no que se pon de manifesto que é entre a mocidade de 14 a 29 anos, a denominada Xeración Z, onde máis empeorou a percepción da IA ao longo do último ano. As súas preocupacións concéntranse en dúas frontes: entre quen traballa, un 48% cre que os riscos da IA no ámbito laboral superan os beneficios, fronte a só un 15% que opina o contrario; por outra banda, un 80% pensa que empregar IA lles dificultará aprender no futuro, un 42% teme que prexudique o seu pensamento crítico e un 38% á súa creatividade. Dito isto, non renuncian a un uso crecente e moitas veces acrítico da IA.

O Pew Research Center pon de manifesto noutro estudo, tamén de 2026, que, entre os menores de 30 anos, un 48% cre que a IA será negativa para a sociedade e só un 14% a considera positiva.

Oxalá aínda esteamos a tempo de conseguir que a IA sirva para facer moito ben e pouco mal, e que beneficie a case todos e non só a uns poucos. O que xa descarto é que poidamos controlar tanta «palabrerÍA» cando se fala de intelixencia artificial..

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents