Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Segunda Feira

Cabalos ceibes

O noso lembrado amigo Juaquín González Troncoso sostiña que o número de cabalos existente en Galicia sería de 35.000, dos cales 25.000 pertencían á categoría do gado ceibe que vive e se alimenta preferentemente nas montañas galegas. Vigo e a súa terra de Turonio concédenlle moita importancia representativa aos curros cuxo gado pace nas soidades próximas ao centro urbano máis potente de Galicia.

Nunha primeira vista etimolóxica, vemos que a palabra galega curro vén do latín COHORS: desta abrollou unha complicada colonia de significados que se multiplican. Vexamos algúns. O curro pode ser «separación entre propiedades», «terra non traballada pero si coutada», «patio», «tribunal», «parlamento», «residencia do rei e do seu séquito»... Da palabra curro derivou «acurrar» que se emprega para transmitir a idea de condución de cabalos en dirección ao seu destino final que é o de seren fechados nun curro.

Entre nós é costume utilizar o curro para distintos traballos relacionados co mantemento dos cabalos que son chamados polos propietarios «burras» e «bestas». Así, o día do curro aprovéitase para desparasitar todo o gando, separar as nais dos poldros que serán obxecto de negocio, así como rapar as crinas ou sedas do pescozo dos animais e marcar a fogo a nova xeración (cando estaba permitido). En tempos non moi lonxanos a totalidade dos cabalos presentes nos curros constituíu a raza autóctona galega. Esta raza cabalar foi descrita nos anos vinte do século pasado e por vez primeira a xeito contemporáneo polo enxeñeiro Juan Rof Codina. Na actualidade áchase legalizada pola Xunta de Galicia co nome de PRG (Pura Raza Galega). Isto non impediu que se producise un proceso de mestizaxe con outras razas prezadas pola poboación, caso de Padrón e de Santiago co chamado cabalo bretón. Convén saber tamén que, no noroeste de Portugal, existen cabalos dunha raza idéntica a nosa que reciben o nome de «garranos»e celébranse alí curros, máis familiares e recolleitos ca os de Galicia.

Consideramos que o único acontecemento que en Europa pode chamarse curro ademais dos nosos, é aquel que reúne os cabalos libres da reserva natural que se acha próxima a cidade de Dülmen na rexión alemá de Münster. Un libro do que é autora Ursula Bruns («Das Jahr der Pferde», Zurich, 1970) conta un tempo da súa vida pasado con esas greas tan lonxanas de nós. Aplaudiriamos unha tradución ao galego desta escritora alemá. No próximo artigo falaremos de Carlomagno e o paso de andadura ou marcha galega. n

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents