Opinión | VOYAGER

Escritora
Bendito Nolan

Una escena de 'La Odisea'. / EPC
Acudín a ver La Odisea, de Christopher Nolan, tratando de abstraerme por completo de todas as críticas que me chegaban en cadea a través de diferentes vías e confeso que tamén bastante farta: de súpeto aparecen «expertos» da Odisea por aire, mar e terra; os puristas botan as mans a cabeza horrorizados, falando do filme con tal grao de indignación, que isto para min funcionou como gasolina para ver a película con entusiasmo. Coma se o desprezo daqueles fose o meu impulso principal (non é así, mais no artístico e nas paixóns, a hipérbole paréceme un recurso necesario).
Unha das escenas da película que máis críticas recibiu recrea o encontro do ciclope Polifemo con Odiseo. Eu quedei atrapada na dimensión física do xigante animatrónico e, mentres contemplaba como devoraba soldados, non podía deixar de pensar no Saturno goyesco.
Saturno devorando o seu fillo é unha das obras máis estarrecedoras de Francisco de Goya. Forma parte das chamadas Pinturas Negras, unha serie composta por catorce murais que Goya pintou directamente sobre as paredes da súa casa, La Quinta del Sordo —sen ningunha intención de ser mostrada ao público— entre os anos 1819 e 1823, cando estaba completamente xordo e desencantado coa realidade española. A perturbadora imaxe é unha representación do deus Saturno comendo o seu propio fillo e semella un burato ao través do que o artista, desilusionado coa vida, estaba mostrando o seu propio interior.
Saturno devorando o seu fillo foi pintado por Goya na parede do seu comedor. O Titán Cronos (Saturno na mitoloxía romana) devoraba a cada un dos seus fillos nada máis nacer, logo de que unha profecía o advertise de que un deles acabaría destronándoo. Nunca o mito fora representado por un artista dun xeito tan visceral e aterrador. O seu Saturno é un xigante espido de ollos alucinados que semella emerxer directamente da escuridade. A súa expresión é a dun ser desesperado, compulsivo e talvez horrorizado pola súa propia acción. As súas mans aférranse a un corpo decapitado, a do fillo que está a medio comer. Mais o fillo que representa Goya non é un meniño, senón o corpo espido dun adulto; talvez ese Saturno xigantesco represente a España devorando o seu propio pobo.
Ademais do feito de que fosen pintadas directamente nas paredes da Quinta del Sordo, outra mostra que evidencia que Goya non tiña intención de que fosen exhibidas —constituíndo case un exercicio íntimo—, é que Goya nunca titulou nin explicou ningunha das Pinturas Negras.
Pero que ocorre co Polifemo de Nolan? Por que está sendo tan criticado? Na Odisea, o heroe Odiseo chega á cova de Polifemo na procura de hospitalidade e o ciclope devora aos seus soldados, desprezando as leis de Zeus. Daquela, Odiseo ofrécelle viño ao xigante e este bebe ata emborracharse. Cando Polifemo lle pregunta o seu nome a Odiseo, este responde «Ninguén». Daquela, cando Odiseo e os seus homes cegan a Polifemo, que berra de dor e desesperación, e chegan os outros ciclopes e preguntan: «quen che fixo isto?», Polifemo responde: «NINGUÉN!». É así como Odiseo e os seus soldados logran fuxir. A puntada final é que cando Odiseo está fuxindo no seu barco, berra con orgullo o seu propio nome e revela a súa identidade, sen saber que Polifemo é fillo de Poseidón, o Deus do mar. Poseidón lanza sobre Odiseo unha maldición e o heroe Odiseo vai sufrir toda unha serie de desgrazas: treboadas, derivas e naufraxios, que semellan a consecuencia da ira do deus do mar.
A dimensión caníbal do mito é potenciada por Nolan, que mostra un xigante bestial, interpretado por Bill Irwin grazas á animatrónica; é case unha criatura semihumana e carente de racionalidade, entregada aos instintos. A secuencia rodouse nunha cova real do Peloponeso nun episodio que constitúe unha das decisións máis discutidas de toda a adaptación. Que se Nolan non é fiel ao mito, que se fulminou a profundidade dos personaxes... É certo que Nolan suprime o engano verbal, tan célebre, feito que semella constituír unha herexía para os devotos de Homero. Os dobres sentidos e a astucia verbal de Odiseo atribúenlle unha astucia única, e ese elemento desaparece na película. Mais Nolan logra soster un filme de tres horas onde te entregas absolutamente á aventura, á epopea, e a un final onde Odiseo fai unha reflexión sobre o seu propio papel na batalla de tal magnitude que o director semella estar facendo un paralelismo coa sociedade actual, coma o Saturno de Goya. Mais, sobre todo, Nolan logra poñer a Odisea no centro do debate e que as paixóns polos mitos se desaten e acaparen o diálogo. Un verán con xente discutindo sobre o respecto aos mitos a través da Odisea? Bendito Nolan!
Suscríbete para seguir leyendo
- Muere un marinero del cerco en un accidente mientras faenaba en las Cíes
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Manuel Freire y Dolores Pastoriza celebran los 60 años de casados
- La universidad pasa factura emocional en Galicia: casi 500 estudiantes piden ayuda psicológica a sus campus en un año
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un lunes de colapso en las carreteras de O Morrazo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería