Opinión
Nicolás Luna Puente
O río do Galego
Aló polo 2024, nunha titoría, os pais dunha alumna compartíronme unha súa preocupación. A súa filla, que daba os primeiros pasos no universo lector, mesturaba palabras en castelán —a súa lingua materna— con voces galegas aprendidas na escola. Eles, con medo, preguntaban se aquilo supoñía unha ameaza para o seu itinerario académico. A súa inquietude nacía de expresións que a rapaza empregaba no fogar como «me duele el xeonllo» ou «no topo el estoxo». Así e todo, a familia narraba con orgullo que a súa filla acudía moi contenta ás miñas sesións porque lle encantaban os «escape room», os «break» de xogo e as actividades na «smart board».
Resulta curioso. O mesmo temor que esperta un «xeonllo» pronunciado en galego desaparece diante dunha «smart board» na lingua de Shakespeare. Xaora que o problema non é a mestura de idiomas nin esa interlingua que xorde da convivencia. O problema segue a estar no lugar que lle reservamos ao galego.
Hogano a lingua, como a cultura e a sociedade, mudou, está a mudar día a día dun xeito exponencial. Mais a súa esencia permanece intacta: conseguir que a mocidade (que é o futuro), como arelaba Celso Emilio Ferreiro, fale galego «porque si», «porque lle gusta», «porque lle dá a gana».
«Renovar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega consiste en asegurar que o río do galego discorra con forza cara ao futuro»
Nese desafío, a educación constitúe a mellor ferramenta para reverter a perda de uso da lingua entre os máis novos. Entre todas e todos (entre todas e todos somos mellores e máis fortes) debemos procurar un leito polo que o río do galego flúa alfúfaro e orgulloso entre o alumnado.
Un percorrido que teña en conta o clima actual e, por suposto, a globalización. Un río que acrecente a súa forza cos novos afluentes da educación: as TAC (tecnoloxías da aprendizaxe e do coñecemento) e a coeducación, para manter vivo o seu propio caudal. Un río que se nutra dun orballo engaiolante que enchoupa de paixón as aprendizaxes dos escolares: a motivación intrínseca.
A auga precisa de corrente que a impulse. Esa corrente nace de metodoloxías emerxentes e de modelos pedagóxicos que convidan a xogar coa lingua, a descubrila sen prexuízos e a convertela nunha experiencia compartida. Precisa tamén de pontes accesibles e inclusivas, que atendan á diversidade, para que todas as nenas e nenos poidan atravesar o río nas mesmas condicións.
O río do galego necesita novas fontes, novos mananciais que acrecenten o seu curso dende a infancia e a mocidade; de ribeiras nas que o galego sexa a lingua de comunicación natural; de recursos humanos, materiais e dixitais que manteñan vivo a súa forza; de familias que comprendan que son parte imprescindible desta paisaxe; de profesorado formado para guiar o seu curso; e duns Equipos de Normalización Lingüística recoñecidos, fortalecidos e dotados da estabilidade necesaria para seguir coidando das súas augas.
«Sempre o río —deixou escrito Xosé Neira Vilas— Tan de cada día, tan ollado e sabido por ti dende meniña, dende que naciches, que semella un límite natural do teu existir (...) É unha imaxe da vida que avanta, anchea ou engrúñase, bate nos pelouros, todo iso sen deterse».
E coidar unha lingua é, en realidade, como coidar un río. Temos que retirar os obstáculos que dificultan o seu curso, evitar que perda caudal e garantir que as xeracións vindeiras poidan topar nel un espazo vivo, limpo, libre, fértil.
Renovar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega consiste en asegurar que o río do galego discorra con forza cara ao futuro.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Policía de Vigo, en alerta por los robos en verano: detienen a dos chicas que portaban herramientas a las puertas de un edificio
- El Celta negocia una salida amistosa con Vecino para incorporar a Almeida
- Más de 30 atracciones inician su desembarco para las Festas do Cristo en Cangas, que activa un plan especial de tráfico y restringe el aparcamiento en el centro
- María Trigo, primera mujer de O Morrazo en sacar la competencia marinera: «Abrí el camino; después se enrolaron muchas mujeres de Meira»
- El marinero del «Playa de Cesantes» se enganchó en la maquinilla de proa: «Non entendo o que puido pasar; é unha tristeza enorme»
- Ourense se baña en las termas para escapar del calor: «Es agradable estar dentro y notar el tacto del agua en la piel»
- Un incendio forestal que ya supera las 20 hectáreas moviliza decenas de medios en Ponteareas
- Los Bombeiros do Morrazo celebran su 20 aniversario: un nuevo parque y la dotación de más personal, los grandes retos para el futuro inmediato