Opinión

Presidente da RAG
Arredor de nós
Xornada de festa e de afirmación, o Día de Galicia convida a unha ollada sobre o rumbo do noso país e unha reflexión sobre a nosa condición de galegos e galegas. Este ano, no cincuenta cabodano do seu pasamento, celebramos a memoria de Ramón Otero Pedrayo, unha das figuras maiores da nosa cultura. Conmemoramos nel un intelectual sobranceiro e un referente indiscutible do galeguismo, un personaxe chave na reivindicación da nosa identidade nacional e do noso dereito ao autogoberno. E como escritor, un dos grandes modernizadores das nosas letras e da nosa lingua, que, cos compañeiros da súa xeración —ou mellor, cunha pléiade de intelectuais de distintas procedencias e idades, congregadas arredor do Seminario de Estudos Galegos, da revista Nós e do Partido Galeguista— se esforzou en convertela nun idioma culturalmente desenvolvido e plenamente funcional.
A súa novela Arredor de si, saída do prelo en 1930, é xustamente considerada emblemática daquela titánica empresa, brutalmente coutada pola sublevación militar e a ditadura. Nela relata a epifanía de Galicia ao seu protagonista, Adrián Solovio, unha descuberta que provoca neste «un novo sentir e enxergar», ao se recoñecer na súa identidade galega, ata entón soterrada baixo camadas de esquecemento. A lingua é precisamente a faísca que desencadea o proceso de revelación no protagonista. Adrián convértese en neofalante, e, «des que falaba galego, sentía todo o seu ser renovado». Así, cóntasenos na novela, «o esperto sentido crítico de Solovio aprendeu ben pronto a falsidade dunha afirmación na que el por costume e preguiza, participara: a de ser o galego unha lingua vella, unha ruína, non doada para conter nin fecundar unha idea moderna, impropia para a técnica e para a filosofía, por exemplo».
Ao mesmo tempo que Otero Pedrayo se esforzou en rehabilitar o galego como idioma de pleno dereito, vindicou a universalidade da nosa cultura, proclamada como unha máis entre iguais que conforman o rico mosaico europeo: «por Galicia e na Galicia era Adrián europeo e planetario». Este europeísmo plenamente asumido e mesmo entusiasta foi unha nota ben significativa do seu pensamento, ao igual que o dos compañeiros de singradura; nomeadamente, Castelao, alma xémea, grande amigo e fiel camarada seu. Deste xeito continúa o relato: «Adrián, sentado na pequena fonda do porto diante dun vaso de branco espadeiro, imaxinaba o futuro mapa de Europa. As fronteiras non eran liñas de aduanas, senón vitais zonas de transición entre as harmoniosas conciencias dos pobos».
Deixou dito Castelao que os soños primeiro e as ideas despois crean feitos históricos. A autonomía galega é produto dos soños e ideas —e, por suposto, tamén das esforzadas angueiras— daquela xeración portentosa. Co autogoberno, inseparablemente, a normalización da lingua e da cultura galegas e o pleno desenvolvemento da nosa cultura e da nosa identidade. A eses soños e a eses ideais se debe o réxime autonómico que hoxe desfrutamos; sen a súa inspiración, perde o seu sentido e tórnase un estaribel administrativo máis, unha pesada carcasa baleira, unha nave á deriva. Que o exemplo de Otero Pedrayo, os seus soños e os seus ideais nos alumen para conseguir un amplo acordo pola lingua.
- Tres apagones tras una avería eléctrica dejan sin luz a miles de vecinos y negocios en el centro de Vigo
- Los camiones del Combo Dominicano se atascaron en Trives pero la orquesta tiró de entrega y talento para mantener la gira: «Nos hicisteis disfrutar igual que siempre»
- El eclipse desde los cielos gallegos: un avión privado desde Suiza a Peinador, dos A400M militares franceses y decenas de avionetas en el interior
- «Ha sido una de las mejores experiencias de mi vida»: Óscar Pereiro conquista el Camino con su hija Catalina
- Roca Rey y José Tomás, dos figuras para dos «No hay billetes»
- El Concello de Cangas achaca la contaminación en la playa de Menduíña a la acumulación de grasa en el bombeo y revisa las arquetas en busca de algún vertido ilegal
- Muere un motorista de 47 años en Vigo al sufrir una salida de vía en una rotonda próxima a Peinador
- Muere el músico y diseñador gallego Víctor Coyote a los 68 años de edad en un accidente de bicicleta