Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Vigo

Ano Oteriano 2026

Ramón Otero Pedrayo, nun mitin.

Ramón Otero Pedrayo, nun mitin. / FdV

En 2025 o Parlamento de Galicia, aprobou por unanimidade declarar: Ano Oteriano 2026, con motivo do 50 Aniversario do falecemento de Ramón Otero Pedrayo (Ourense 1888 –Trasalba 1976), e carón do Centenario da publicación: Guía de Galicia (1926), unha das grandes obras do Patriarca das Letras Galegas.  

Otero Pedrayo, figura cume da literatura galega, foi un intelectual comprometido, xeógrafo, historiador, novelista e político, coa idea fundamental de espertar Galicia como dona de seu, a través dun labor intenso, cando todo estaba por facer e había que facer de todo. Nunha entrevista realizada ao final da súa vida, en 1975, a xornalista Maribel Outeiriño pregunta: Como se percibía a si mesmo? E Otero responde: Como un servidor das necesidades colectivas, leal e co meu compromiso ao servizo dunha idea: Galiza!  

Gran coñecedor dos escritores do século XIX e tamén dos seus contemporáneos, a obra de Otero Pedrayo abrangue practicamente todos os xéneros. En 1926 fixo a tradución para o galego de fragmentos do Ulises de James Joyce. Novelas: Os camiños da vida (1928), Arredor de si (1930) ou O señorito da Reboraina (1960), ensaio histórico sobre a paisaxe e a cultura de Galicia; poesía: Bocarribeira (1958); teatro; relatos breves ou contos.

Carme Fernández Pérez-Sanjulian (Nós diario)-, di que con toda seguridade, Otero Pedrayo é un dos protagonistas da vida política e cultural galega do século XX. Autor, orador, político (deputado nas Cortes Constituíntes entre 1931 e 1933. Foi sen dúbida un paradigmático representante daquela elite intelectual que, no período que vai desde a fundación das Irmandades da Fala (1916-1931), e o Seminario de Estudos Galegos (1923-1936), até o estourar da Guerra Civil, dedicou os seus esforzos creativos a elaborar un discurso marcadamente ideolóxico, dirixido a criar no seu público lector/receptor un sentimento de identidade nacional.

O Proxecto educativo de Otero Pedrayo aparece nos seus discursos e textos políticos, exposto en: libros, revistas, xornais ou actividades asociativas nas que  participa, até se converter nunha das figuras de referencia daquel tempo. No seu reencontro con Castelao en Buenos Aires (1947) Otero exclamaría: Abrazarte a ti é abrazar a Galiza!

Convertido no referente simbólico máis importante do galeguismo, a pesar –en palabras de Carbalho Calero- que, Otero reina mais non goberna! Porén, é unha referencia cultural e política, ao tempo que autor dun dos corpus literarios máis singulares da nosa literatura. Toda a obra de Otero ten como obxecto a Galiza, e Galiza é a protagonista das súas narracións dramatúrxicas e a súa lírica, percorrendo o camiño da súa historia, do esplendor cluniacense coa esperanza da recuperación da conciencia galega que representaba o Seminario de Estudos Galegos.

A través dunha recreación que nos ofrece o CCG, podemos conversar con Otero Pedrayo e conseguir un maior coñecemento da súa vida e obra. En: Cartas á nai 1905-1950 e 1951-1956, de Patricia Arias Chachero e Mónica Pazos Martínez (Galaxia, 2007), Otero Pedrayo mantén coa súa nai unha correspondencia ao longo de cincocentos anos, cun total de 1.355 cartas enviadas durante as súas viaxes e nos períodos que residiu fora da casa familiar.  

Otero Pedrayo, non operaba só a partir do seu saber senón da súa propia personalidade. Cando eu tiña 14 anos, e estudaba o bacharelato en Pontevedra, observei a saída dunha inmensa multitude de xente dunha conferencia no Liceo Casino e Mercantil ao redor da: Evolución cultural e social de Pontevedra, ligada a historia e á paisaxe de Galicia. Souben moitos anos despois que o conferenciante fora Otero Pedrayo. Na miña memoria quedou gravada a frase dunha señora moi elegante que baixaba polas escaleiras do auditorio. Á pregunta que tal fora a conferencia Exclamou! “No se lo que decia, pero hablaba muy bien”.

Freud, xa nos tiña transmitido, que cando era alumno dos 9 aos 17 anos: “o que máis lle importaba ao alumnado, non era ocuparse das ciencias que lles expoñían os mestres, senón o da súa personalidade, provocadora das súas revoltas e submisións, espiando as súas debilidades e orgullosos do seu saber e sentido da xustiza”.

*Cipriano Luis Jiménez Casas é médico psiquiatra e psicanalista. É membro da Asociación Cultural Pertenza.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents