Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

O carballo que fala

Esta fin de semana fun a Padroso para homenaxear un carballo recentemente declarado como árbore senlleira. Pero que son as árbores senlleiras? Son árbores ou formacións arbóreas que, pola súa peculiaridade, a Xunta de Galicia as considera merecedoras dunha atención ou protección especial. Os criterios usados habitualmente para que certas árbores poidan considerarse senlleiras adoitan ser a notabilidade do seu porte, altura, grosor do seu tronco, diámetro da copa, idade, rareza, beleza, localización, asociación a feitos ou edificios históricos e outros similares.

Estiven vendo algunhas árbores senlleiras de Galicia e todas cumpren unha ou varias destas características. Pero cando me falaron do carballo de Padroso xa me advertiron que non era evidente que cumprise algunha delas. É un carballo grande, pero non máis que outros da zona; o seu porte, grosor do tronco e diámetro da súa copa son notables, pero non especiais; é vello, pero os seus máis de douscentos anos non o fan unha excepción na área; é fermoso, pero case como calquera outro; a súa localización non chama a atención nin está asociado a feitos nin edificios históricos.

Entón, que ten este carballo para ser considerado senlleiro? Ten unha característica enormemente especial e inesperada: é un carballo que fala. O feito descubriuno Bieito Ledo, o grande editor e dinamizador da cultura galega, oriúndo de Padroso. Un día contoume esta notable característica do carballo. Naturalmente, eu, que son escéptico pola miña formación científica, sen que el o soubese, fun ver o carballo para analizar e verificar por min mesmo a estraña particularidade da árbore. O curioso é que cando cheguei ao seu pé, aló pola Ruta Mozárabe – Vía da Prata do Camiño de Santiago, sen palabras audibles díxome con tenrura: «Ven onda min e dáme un abrazo». Quedei abraiado, mais fíxenlle caso e deille un apreixo ao fermoso carballo.

Uns días máis tarde escribiume Bieito para contarme que este ano se faría, unha vez máis, un encontro literario para homenaxear o carballo de Padroso e invitoume a participar. Claro que si, díxenlle. Alí estarei.

Cerca de duascentas persoas alí estabamos baixo as pólas do carballo, ben protexidas e esperanzadas para escoitar a súa fala. E falou, claro que falou e cantou. Coa música dun cuarteto tradicional, a de Os Tarabelos en terceto e a de Anxo Pintos coa súa zanfona. Recoñezo que nunca oíra tocar a zanfona con tal mestría.

No nome do carballo fixo as presentacións e puxo ritmo ao encontro a marabillosa María Xosé Porteiro. Dándolle voz ao carballo, varios escritores ofreceron os seus traballos plasmados nun libro, o cuarto xa editado, e catro poetas recitamos versos que nos fora inspirando o carballo.

Que non falan as plantas! Falou e falamos nós por el, cos nosos versos, relatos e contos; non eramos loucos soñando, fomos a nidia e forte voz dun Quercus robur.

Grazas e parabéns, Bieito Ledo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents