Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | VOYAGER

Vigo

Eva Orúe, a nosa fada madriña

Eva Orúe, fotografiada en Madrid

Eva Orúe, fotografiada en Madrid / José Luis Roca

Souben da destitución fulminante de Eva Orúe como directora da Feira do Libro de Madrid a través dun post en Instagram de Rosa Montero. Durante as horas seguintes, dentro do ecosistema do libro fomos pasando do estupor á pena e da pena a indignación; non só polo feito en si do cesamento, senón porque, a día de hoxe, descoñecemos os motivos reais. E é que a xornalista, escritora e xestora cultural —primeira muller en dirixir a feira nos seus máis de oitenta anos de historia— foi cesada pola Asociación de Librarías de Madrid apenas unhas semanas despois de concluír a edición de 2026, sen que a organización fixese públicas as razóns concretas do despedimento, aportando argumentos vagos e pouco convincentes.

Orúe asumiu a dirección en xaneiro de 2022 tras substituír a Manuel Gil. Procedía do xornalismo cultural —cunha longa traxectoria en medios— e tiven a fortuna de coñecela nese contexto antes ca coma directora da feira. Tan pronto Orúe se incorporou a este cargo, introduciu importantes cambios que transmitían a sensación de que a súa intención era profesionalizar a xestión e traer a feira ao século XXI; tarefa que non era fácil e que ela logrou con solvencia, con elegancia e demostrando que é posible ostentar un cargo de dirección tan relevante e ser humana, coidadora e próxima.

Durante as súas cinco edicións á fronte da feira impulsou unha programación cultural máis ampla e diversa; reforzou a dimensión internacional do encontro; introduciu criterios de sustentabilidade e deu pasos para reducir o impacto medioambiental, desde a conciencia de que a permanencia no Retiro dependía disto, recoñecendo a obriga e responsabilidade de coidar o parque; renovou a identidade visual da institución e promoveu melloras loxísticas e infraestruturais. Entre elas figura, por exemplo, a modernización da subministración eléctrica do recinto para reducir a dependencia de xeradores, ademais dunha aposta decidida por actividades paralelas, colaboracións con institucións culturais e unha programación infantil e xuvenil máis sólida, aspecto que as autoras de literatura infantil celebramos ano tras ano. Porque Eva, ademais, posúe un talento: sabe como dirixirse ás crianzas, algo insólito nunha persoa que ostenta un cargo desa envergadura. Un cargo que adoita impregnar a quen o ostenta dunha certa pátina de xestión empresarial á que Eva semellou sempre impermeable. Talvez por iso a respectamos e queremos tanto.

As cifras de asistencia durante o seu mandato amosan a consolidación da Feira como un dos grandes acontecementos culturais do país. A edición de 2024 superou o millón de visitantes únicos, cun impacto económico superior aos 10,8 millóns de euros. En 2025, a organización cifrou tamén a asistencia en máis dun millón de visitantes únicos. En 2026, confluíron as dificultades derivadas da visita do papa León XIV, os concertos multitudinarios de Bad Bunny e o peche anticipado da última xornada por alerta meteorolóxica , o que provocou unha caída das vendas respecto ao ano anterior. A isto sumáronse tensións con parte dos expositores pola localización dalgúns pavillóns patrocinados e, especialmente, polo peche anticipado das casetas durante unha alerta laranxa da AEMET na xornada final da feira.

Numerosas editoriais independentes, escritores e profesionais do sector expresaron publicamente o seu apoio a Orúe e reclamaron transparencia á Asociación de Librarías de Madrid. Un dos xestos máis contundentes chegou da man da histórica Libraría Muga. O seu responsable, Igor Muñiz, anunciou a baixa da libraría da Asociación de Librarías de Madrid, unha decisión que implica, de feito, renunciar a participar en futuras edicións da Feira do Libro. Nun vídeo difundido publicamente explicou que nin compartían o despedimento de Eva Orúe nin a forma na que se producira, afirmando que o peche da súa etapa non facía xustiza «á súa dedicación e aos seus resultados».

Máis alá de quen asuma agora a dirección todo isto deixa unha sensación incómoda e triste no sector. As discrepancias arredor a xestión forman parte de calquera institución cultural, sexa cal sexa a súa envergadura. O excepcional neste caso foi a brusquidade da substitución e o consenso co que boa parte do mundo do libro recoñeceu o traballo realizado por quen modernizou a feira e a proxectou cara a novos públicos e sempre tiña a atención posta sobre escritoras, librarías editoriais… Coma se Orúe tivese un millón de ollos. Eva transformou a feira. Era divertido vela percorrer quilómetros en patinete ou aparecer na túa caseta cando menos agardabas, sorrindo coma só pode sorrir unha fada madriña. Eva facíanos sentir todo o tempo que lle importabamos. Que decisión tan errada a da súa destitución.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents