Opinión | VOYAGER

Escritora
A Feira do libro de Vigo agárdanos

Imagen: Jose Lores / Edición: Eli Regueira
Se non visitaron estes días a Praza de Compostela, ata o vindeiro martes aínda teñen a oportunidade de facer unha parada na Feira do Libro de Vigo. Xa sexan amantes dos libros, da cidade ou persoas curiosas, a feira é un espazo de comunidade arredor do libro galego.
O pasado venres coincidiron sinaturas de autoras coma Arantxa Portabales, María Solar, o vigués Antonio García Teijeiro ou María Oruña (que acabou congregando a toda unha multitude arredor da presentación da súa última novela «La cámara de las maravillas» (publicada a primeiros de xuño por Plaza&Janés, mais que tamén poden ler en galego desde hai uns días da man de Cumio). Nas horas previas á visita á Praza de Compostela nesa xornada onde rozamos os corenta graos, falaba con varias autoras de que as elevadas temperaturas ían pasar unha seria factura ás actividades da xornada, mais tamén ao cómputo xeral da feira. Pensei nos libreiros e libreiras metidos nesas casetas durante tantas horas e sen conseguir un mínimo de público que compense os malabarismos que fan para acudir ás feiras. Hai aí moito esforzo investido e case todo invisible.
O calor e a resposta do público
Se ben é certo que ata as 19.00 h. a Praza de Compostela apenas tivo movemento, a partir dese instante, floreceu. É verdade que as autoras nos vimos na obriga de fuxir do interior das carpas —que eran coma invernadoiros— e improvisar por un formato ao aire libre, procurando as zonas de sombra. Presentacións que empezaron con apenas media ducia de persoas comezaron a encherse case por arte de maxia, converténdose en actos multitudinarios. Mentres falabamos de libros, ao noso carón as aves procuraban refuxio baixo a auga das fontes. Vendo como medraba a cantidade de público pensei nas conversas previas, onde ningunha de nós apostaba por semellante resposta, tendo en conta a alerta vermella por temperaturas extremas. Mais houbo (moita) xente que cambiou a praia pola feira. Impresionoume moito a visita dunha lectora que acudira en autobús desde Baiona; outras desde Nigrán; algunhas que viñeran porque estaban na cidade de paso e non querían perder a oportunidade; varias mestras que falaban con entusiasmo das súas escolas e das súas bibliotecas de aula... Con abanos, botellas de auga e lentes de sol o público lector desafiou a calor e abrazou os libros.
Un final de xornada exitoso
Rematei de asinar case de xeito simultáneo ao momento en que as casetas baixaban as persianas ata a xornada do sábado. Sorrín ao saber que María Oruña acabou asinando nun banco da alameda e celebrei o éxito das outras compañeiras, que estaban mortas de calor, pero felices.
Programación do sábado
Hoxe será outro día grande na feira: teatro para familias, a presentación da obra de Arturo Lezcano «O país invisible» que recomendo con devoción, acompañado de Guada Guerra. Unha Guada Guerra que, por certo, ás 19.15 tamén compartirá conversa con Lucía Solla arredor de «Comerás flores». Eu terei a oportunidade de acompañar ao vigués Daniel Landesa ás 19.00 h. na presentación do seu recente libro infantil «Nenapingüín» (Premio Carlos Mosteiro, publicado pola Editorial Galaxia). E tamén haberá lugar para a poesía, que reunirá arredor das 20.00 h. a Mónica Caldeiro, Luis Valle, Ramón Romero e Samuel Merino.
Ata o martes
Todo isto alén das múltiples sesións de sinaturas nas casetas das librarías. De aquí ata o vindeiro martes, momento en que as libreiras e libreiros pecharán as súas casetas, gardarán os libros en caixas e se prepararán para a Feira do Libro de Ponteareas (que se celebrará do 9 ao 12 de xullo). Ata entón, teñen aínda a posibilidade de achegarse á Praza de Compostela e celebrar os libros xunto a nós.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- El doble crimen de la calle Oporto de Vigo cumple 20 años con el asesino en semilibertad
- «Nunca he pensado que hay alguien a quien no puedo ganar»
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de vecinos
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- La policía vincula el «clan de los Charlines» con el «clan de los Balcanes» tras detener a 18 personas e intervenir 103 kilos de coca
- Así eran nuestras playas antes de su urbanización y el desembarco de turistas