Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Alejo Amoedo Portela

Antonio Paz Valverde: o compositor que puxo música ao Porriño

Antonio Paz, durante á súa etapa como director da Coral Polifónica do Porriño.

Antonio Paz, durante á súa etapa como director da Coral Polifónica do Porriño. / Xosé Ramón Paz Antón*

Dise habitualmente que a xente pode esquecer o que dixeches, pero nunca como os fixeches sentir. Eu xamais esquecerei a calidez coa que me acolleu Antonio Paz cando, hai xa 39 anos, cheguei ao Porriño cunha mochila chea de ilusión para impartir clases no conservatorio da vila.

Da súa man entrei no Círculo Recreativo Cultural e na vida musical do pobo. Tiven a honra de tocar coa súa coral polifónica e de estrear moitas das súas pezas. Lembro con especial agarimo cando tocabamos xuntos, a catro mans, acompañando as voces da coral e posteriormente as do Orfeón Porriñés. El preparaba con mestría os arranxos de todo tipo para as agrupacións: dende música relixiosa ou suramericana ata pezas galegas.

Como director, Antonio foi desde o primeiro día o corazón de todo. Logrou que a Coral Polifónica do C.R.C. do Porriño gravase varios discos que foron fundamentais para espallar a súa obra, entre eles os tres EPs baixo o título de «Canzón Galega» (1969). Pero o seu verdadeiro mérito non foi técnico: o máis importante é que non só nos ensinou a cantar; ensinounos a amar a música e a cultura. Máis que un coro, Antonio soubo crear unha familia de persoas que desfrutabamos co que faciamos, e ese é un agasallo que lle agradeceremos sempre.

Antonio foi un compositor que soubo apreciar a beleza do pequeno, centrando o seu talento en formas como o «lied» e a canción galega. A súa sensibilidade levouno a musicar versos de autores que compartían o seu tempo, como Manuel María, Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Así logrou unir á perfección a literatura e son. As súas pezas son resultado de melodías fermosas que, grazas a unha harmonía exquisita, envolven ao oínte cun estilo próximo e moi coidado.

Na súa obra abunda a música relixiosa, con misas e motetes. Tamén creou pezas para piano. Entre elas destacan dous valses: «María Teresa», que escribiu con só 16 anos para a súa futura muller, e «Rosas e gardenias».

A pegada que deixou Antonio no Porriño é inmensa, precisamente porque a súa grandeza nacía da súa sinxeleza. Era un home tímido, modesto e de trato directo, quen prefería que fose a música a que falase por el. Mentres camiñaba polas rúas como un veciño máis, as súas partituras dábanlle vida e identidade a toda a vila.

O pasado 14 de maio, o alcalde Alejandro Lorenzo inaugurou unha praza co nome do compositor. É un lugar moi especial, xusto enfronte da casa onde o músico viviu e onde naceu a maior parte da súa obra. María Díaz guiou o acto con agarimo. Nel, as sopranos Rita Baladrón e Dolores Crespo puxeron a voz, e eu toquei o piano no que tantas veces el me dirixiu. A Banda de Música do Porriño, dirixida por David Trastoy, encheu o aire de ritmos e melodías. Tamén puidemos viaxar no tempo coa súa biografía grazas a unha exposición con paneis e obxectos persoais. Foi un agasallo moi fermoso da súa familia, que nos acompañou nese día tan emocionante.

Unha praza é un lugar de encontro, exactamente o que el foi para min ao chegar á vila. O seu recordo xa non só vive na nosa memoria ou nos seus pentagramas; desde ese día, Antonio forma parte do mapa das nosas vidas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents