Opinión | Al lío

Subdirector de Faro de Vigo
Veraneantes de caché… ou era chalé?

Turistas consultando un mapa en Vigo. / Pablo Hernández Gamarra
Xa están aquí, entre nós. Como cada verán, chegaron atraídos polo bo tempo —sen excesos, que para iso somos un refuxio climático—, pola beleza das nosas rías, polo ben que se come nesta rexión periférica, polo bo humor e a retranca tan propia dos galegos… Atopámolos en todas partes, como se formasen parte dunha migración masiva, coma as sardiñas, os chinchos ou as rinchas que enchen as nosas costas por estas datas. Adoitan vir en parellas ou en rabaño, aínda que tamén teño atopado algún solitario en busca de aventura. Falo, como a maior parte de vostedes xa suporá, dos veraneantes.
Notei o cambio xa hai unhas semanas, coa chegada de xuño. Pero agora xa non teño dúbida. Imposible aparcar o coche preto da casa, colas no supermercado, na farmacia, na peixaría, nos accesos ás vilas e praias… E temos variedade: por unha banda, os veraneantes de toda a vida, a maior parte dos cales xa ten casa propia ou un alugueiro fixo que renovan dun verán a outro. Na miña zona son os que máis abondan, e pensan que iso lles dá unha caché parecida á dos veciños que pasamos todo o ano na vila. Esta especie si que vén en manda, coma os chinchos —non vou decir esa palabra na que pensan todos—, familias enteiras: primeiro os avós e os netos, e máis tarde os pais, pois cada vez quedan máis tempo a traballar.
Logo están os esporádicos, que ben seguro volverán, porque esta terra nosa é así, conquistadora. Estes non teñen a caché dos outros; veñen por uns días ou unha semana, e van por aí perdidos preguntando onde se come ben e barato —coitados—, cales son as mellores praias e cousas polo estilo. E por último temos os peregrinos, dos que xa falei en máis dunha ocasión. Por certo, hai uns días, ao saír da casa do meu pai, atopeime con dúas sesaxenarias francesas que facían o Camiño Portugués pola Costa, bebendo nunha fonte, e vinas tan acaloradas que lles regalei unhas ameixas ben fresquiñas que apañara esa mesma mañá cos rapaces. Ben contentas quedaron. «Merci, merci», repetían.
Que non se diga que os galegos non somos xente aberta cos que están de paso, teñan caché —ou é chalé?—, estean de alugueiro —na nosa zona, dúas semanas non baixan dos 3.000 euros— ou mesmo de albergue. Iso é indiscutible, e por iso a xente repite. Agora ben, o do veraneo estásenos indo das mans. Non estamos preparados. Tal é a afluencia que ás empresas cústalles ferro e fariña atopar aloxamento para os seus traballadores, como ben publicou esta fin de semana Jorge Garnelo. Isto pode comprobalo calquera que teña un coñecido empresario na costa, sobre todo no sector hostaleiro. E tampouco estamos preparados a nivel de saneamento e servizos básicos. Aquí hai moito tomate.
Non é casualidade que, chegado o verán, sempre aparezan verteduras nas nosas praias, xa sexa en Santa Marta, en Baiona, na Calzoa, en Vigo, ou en calquera das do Morrazo. O noso saneamento non está preparado para unha poboación que nalgunhas vilas chega a triplicarse nos meses de xullo e agosto. E na sanidade ocorre o mesmo: esta pasada finde tivemos que ir ao PAC —nada grave— e estou por xurar que a metade dos pacientes que agardaban a súa quenda non eran da zona, senón veraneantes de caché, dos que falaba antes.
Benvidos sexan, faltaría máis. Pero unha cousa é acoller e outra, moi distinta, colapsar. O veraneante, como o peixe, está moi ben en pequenas doses e ben xestionado. O problema chega cando todo se fía a que xa iremos tirando, que para iso sempre tiramos. Porque esta terra é marabillosa, si, pero non infinita.
- La madre de un vigués de 25 años que falleció por un tumor cerebral: «¿Qué habría pasado si lo hubiesen operado un año antes?»
- La reconocida orquesta gallega París de Noia pierde a una de sus principales voces en la temporada de mayor actividad
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- Bouzas activa el «plan B» para sus fiestas por la final de España y cambia el horario de una de las citas más esperadas en Vigo
- El grito de euforia de Nico Williams tras noquear a Francia: «Vamos carallo»
- El TSXG multa con 1.800 euros a un abogado gallego por presentar un recurso lleno de «alucinaciones» con decenas de citas inventadas por la IA
- La Cofradía de Pescadores de Aldán denuncia la presencia continuada de yates en el muelle, pese a estar probido
- El Celta renuncia a retrasar el partido de la primera jornada