Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Segunda Feira

Hotel Roma, Ourense

O primeiro panfleto que, na clandestinidade de 1966, se fai editado pola UPG e redactado por Celso Emilio Ferreiro constitúe unha excelente prosa de combate. Combate contra o clero galego franquista e reaccionario nunha invectiva severa. Titúlase, na lembranza de Zola, «Acusamos». Vexan algunhas das verbas que se usan:

«Acusamos o alto clero de 1965 de vivir amancebado coa ditadura que nos aferrolla; e de soster a mesma postura inimiga do pobo que a mantén e atura. Amais, declaramos que, o feito de proscribir o galego da liturxia é un grillón máis na cadea de ignominias da nosa Historia. E acusámolo, por fin, de continuar os vencellamentos cos explotadores, cos tiráns e colonizadores da nosa Terra»....

Grande importancia recibiu, paralelamente, un acto político antifranquista que tivo lugar no Hotel Roma de Ourense e, tamén, coa figura de Celso Emilio no seu centro. Preparaba o de Celanova unha viaxe á cidade de Caracas. Tratábase de tomar posesión dun cargo de responsabilidade cultural dentro dunha das sociedades galegas que funcionaban na capital da República de Venezuela. Para isto pídeselle a Lois Soto a súa presenza en Ourense o día 5 de maio de 1966 en que se celebrará o acto de que estamos a falar e que cobraría a forma inevitable dunha homenaxe ao escritor. Asistiron unhas duascentas cincuenta persoas en canto dúas mil expresaban a súa adhesión na prensa da cidade de Ourense.

Despois de pronunciar o seu discurso Otero Pedrayo que exerceu a función de presidente da república democrática dos seus soños e outras persoas con representación máis simbólica do que real, iniciáronse as intervencións de xoves obreiros, mariñeiros e estudantes así coma de representantes de colleiteiros de Castrelo de Miño en combate aberto contra o poder de Fenosa.

O acto do Roma terminaba, pois, co discurso de Celso Emilio Ferreiro. Este ergueuse no asento co rostro branco coma un papel de barba dos usados polos procuradores. Notouse que algo lle ardía no cuspe e na gorxa. El descubrira que alguén poderoso e alleo a todos os presentes estaba movendo ferro e fariña contra a súa persoa. E. de pronto, decátase de que ten aparentes irmáns convertidos en activistas do franquismo. E soubo, tamén, que ía escribir un libro titulado «Viaxe ao país dos ananos», ao tempo que sería expulsado da Irmandade Galega de Caracas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents