Opinión | VOYAGER

Escritora
Que ondee a bandeira co arco da vella
Para as persoas que vivimos a cabalo entre os séculos XX e XXI, remontarse ata o ano 1969 non é unha viaxe demasiado longa. Por aquel entón, a homosexualidade considerábase unha enfermidade e as relacións sexuais consentidas entre homes ou entre mulleres eran ilegais en todos os estados de EE UU, coa única excepción de Illinois. Declararse homosexual tiña consecuencias irreparables. As persoas homosexuais non podían traballar para o goberno federal nin para o exército. Saír do armario implicaba renunciar a poder exercer profesións de prestixio coma o Dereito ou a Medicina. As persoas gays vivían en secreto e podían perder o seu emprego, ou mesmo as súas casas, se eran descubertas. Sen ningunha lei que os protexese, as detencións por conduta indecente e os ataques indiscriminados na rúa, eran o pan de cada día. Que horror vivir con medo e coa violencia institucional operando a ese nivel.
Neste contexto, ser homosexual constituía unha condena á marxinación, ao ostracismo e, por suposto, á imposibilidade do prestixio profesional ou social.
En Nova York as leis foron especialmente punitivas, talvez pola cantidade de persoas homosexuais que tomaron a decisión de mudarse a esta cidade. Miles de gays eran arrestados cada ano por «crimes contra a natureza», prostitución ou comportamento lascivo.
As leis neoiorquinas de venta de bebidas alcohólicas orientáronse dun xeito que servir alcohol a persoas homosexuais podía levar aparellado o peche do local que, de xeito automático, era considerado de «desorde pública». A represión nos bares gay da cidade foi brutal e a mafia aproveitou a ocasión para xestionar gran parte deles.
Entre todos estes locais había un no barrio de Greenwich Village chamado Stonewall, que estaba considerado un santuario. Era o único cunha pista de baile. Alí, as persoas homosexuais sentían que posuían un espazo onde poder expresarse. Era un tugurio manexado pola mafia e vendíase alcohol sen permiso, mais para a comunidade gay era un sitio incrible, talvez o único onde tiñan a oportunidade de ser eles de verdade. Podían bailar, demostrarse afecto e ser libres; un refuxio no medio da opresión.
Coa intensificación das redadas e a proximidade das eleccións municipais, o Stonewall volveuse un obxectivo prioritario. A noite do 28 de xuño de 1969, o local estaba repleto. Unha camioneta da policía aparcou na porta e entraron a paus ruxindo: «Maricóns, rematou o show, todo o mundo fóra de aquí!». Mais a clientela non achantou. Talvez porque os movementos polos dereitos das persoas negras, das mulleres e dos latinos, a revolución sexual e as protestas contra a guerra de Vietnam crearon o caldo de cultivo axeitado para o cambio; ou porque a Sociedade Mattachine —unha das primeiras organizacións gays— conseguira xa varios avances prendendo un facho de luz; ou porque simplemente non podían aguantar máis humillacións. A cuestión é que esta vez non permitiron que os asoballasen. Formaron un semicírculo fronte ao bar e empezaron a tirarlles aos policías moedas dun penique. Dos peniques pasaron ás latas, das latas ás botellas, ladrillos e cócteles molotov. Por vez primeira, estaban preparados para loitar contra o poder que os discriminaba.
Os enfrontamentos escalaron e duraron toda a noite. A comunidade gay esgotou á policía, que foi incapaz de deter a protesta. Trece manifestantes foron detidos, mais convocáronse novas protestas para o día seguinte e congregaron a toda unha multitude que comezou unha auténtica loita polo control do espazo da comunidade gay. O que ocorreu no Stonewall foi inspirador para a loita mundial a prol dos dereitos das persoas homosexuais daquel entón. No ano 2016, o Stonewall foi declarado monumento histórico nacional por Barack Obama.
A comunidade gay, que atopaba no Stonewall o seu acubillo de liberdade, fixo popular ese bar que acabou outorgándolles a liberdade tamén fóra das súas paredes. Pero para iso tiveron que cuestionar o poder e enfrontarse a el. Hoxe que é o Día do Orgullo, lemas coma «nin un paso atrás» cobran unha forza especial. Sobre todo, pensando naquelas declaracións de Vox sobre a festa do Orgullo LGTBI: «Los mandaríamos a la Casa de Campo, sacándolos de Madrid». Penso tamén no repunte das delirantes terapias de reconversión. Esquecen que, nin estamos nos EE UU dos anos sesenta, nin as personas homosexuais teñen xa que vivir nas marxes. Que fermosa invasión a da bandeira co arco da vella, combatendo tanto gris. Pois iso: que ondee con toda a forza!
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- El Concello de Vigo prohíbe la pantalla de la Diputación en Praza da Estrela para ver el España-Bélgica y Luisa Sánchez lo achaca al «sectarismo» del alcalde
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo
- Borja Iglesias: «Tras mi debut en el Mundial, Claudio me hizo llorar con su mensaje»
- Detenido un conocido estafador venezolano por un intento de fraude a una empresa de Moaña