Opinión
Galicia ante o espello

De izq. a dcha., Susana Lama, David Regades, Santiago Lago-Peñas y Daniel Hermosilla, que participaron en la presentación del libro. / Marta G. Brea
Esta semana tiven a oportunidade de presentar na Zona Franca de Vigo un libro dedicado á economía galega. Un exercicio de análise que, máis alá das cifras, permite entender mellor o camiño percorrido e os desafíos que temos por diante. O texto pode descargarse na páxina web do Foro Económico de Galicia.
Probablemente, o resultado máis relevante que recolle é que Galicia se achegou de forma intensa á renda por habitante española no que levamos de século. Pasamos de seren décimo quintos na clasificación autonómica (79% da media) a novenos (93%), da cola á mediana. E fixémolo medrando ao mesmo ritmo que o conxunto de España.
Porén, mentres España experimentaba un notable crecemento demográfico (+23% acumulado), Galicia mantíñase estancada en volume de poboación (+0.1%). O esperable sería que esa perda de peso demográfico, ese estancamento no número de clientes y traballadores propios, viñese acompañada dunha perda significativa de peso económico. De feito, iso foi o que aconteceu noutras comunidades con traxectorias similares no demográfico, como Asturias, Castela e León ou Cantabria. Galicia rachou con ese patrón. Máis aínda, segundo a Contabilidade Rexional do Instituto Nacional de Estadística, entre 2000 e 2024 só en cinco comunidades autónomas —Madrid, Murcia, Baleares, Cataluña e Castela-A Mancha— o seu Produto Interior Bruto (PIB) medrou máis en termos acumulados. Todas elas con dinámicas demográficas moi expansivas. Galicia, sen ese vento a favor, foi quen de manter o ritmo.
A explicación principal desta anomalía positiva reside na crecente apertura exterior da economía galega. Nun contexto de mercado interno limitado pola atonía demográfica, as empresas galegas buscaron fóra unha parte crecente dos seus clientes e, en certa medida, tamén dos traballadores que precisaban. Mais este éxito non se entende sen outro factor clave: a existencia dun tecido empresarial propio, maioritariamente de base familiar, cun forte arraigamento territorial e unha clara vocación de longo prazo. Moitas destas empresas demostraron que é posible competir en mercados globais mantendo en Galicia o centro de decisión. O recente libro de Antón Baamonde e Daniel Hermosilla, Galicia, distrito industrial, constitúe un excelente inventario desta realidade. E isto importa, e moito. Importa porque xera emprego cualificado, dinamiza cadeas de provedores, impulsa servizos avanzados e consolida ecosistemas produtivos. Pero tamén importa no plano simbólico: contribúe a desmontar inercias derrotistas e amplía o horizonte do que como sociedade consideramos posible.
Porén, os éxitos non deberan levarnos a autocomplacencia e a inacción. Temos moita marxe de mellora e eivas en moitos eidos. Seguimos necesitando unha aposta máis decidida pola I+D e pola innovación empresarial, unha mellor integración das oportunidades da dixitalización, un incremento da dimensión media das empresas, a mellora da interconectividade de infraestruturas e da organización dos servizos que prestan, a mellora das redes eléctricas e das infraestruturas hidráulicas en escenarios futuros de seca prolongada.
E hai outro vector preocupante: o absentismo laboral. Os datos de 2025 sitúan Galicia entre as rexións europeas con maior porcentaxe de xornadas perdidas. Cómpre reducir a compoñente socialmente inadmisible do absentismo, xa estea motivada deficiencias na saúde laboral, por ineficiencias na xestión das baixas por IT, por atrasos na atención sanitaria, ou por abusos dalgúns traballadores. A resposta só pode vir da man dun diálogo social como o que, de xeito único no mapa español, estase levando adiante en Galicia. Que sindicatos, empresarios e administración senten a negociar e acordar é un enorme activo para un país. A alternativa é o conflito e a parálise.
Se ampliamos o foco temporal, os retos son aínda máis esixentes. A transición enerxética, a descarbonización e a loita contra o cambio climático marcarán o rumbo económico das próximas décadas. O avance na ordenación do territorio ten moito que ver co anterior, para reverter o actual abandono de terras fertis, os incendios rurais, a presión que pode aturar a costa galega como espazo residencial para o resto de España durante os meses de verán, cada vez máis quentes; a necesidade de distribuír máis homoxeneamente a poboación da man do reforzamento das vilas... Sen esquecer a necesidade de que os galegos tiremos maior partido dos noso recursos naturais, da man de ferramentas como é a sociedade público-privada Recursos de Galicia.
Xunto ao anterior, o envellecemento demográfico emerxe como un dos grandes condicionantes do noso futuro. Non só pola súa incidencia sobre as contas públicas ou os sistemas sanitario e de coidados, senón tamén polo seu impacto na dispoñibilidade de man de obra, na capacidade emprendedora e no dinamismo social: precisamos máis man de obra cualificada en sectores clave. A idade media dos galegos no ano 2000 era de 42. Hoxe estamos en 48. Temo que vai ser imposible que no segundo cuarto de século poidamos manter o ritmo de crecemento de España sen mudar nada no demográfico. Galicia precisa con urxencia atraer poboación nova e facilitar a súa integración. Mais tamén debe crear as condicións para que a súa mocidade poida desenvolver aquí o seu proxecto vital, incluída a posibilidade de formar unha familia. Non é tanto unha cuestión de tamaño poboacional —manternos ao redor dos tres millóns de habitantes é perfectamente viable— como de estrutura por idades.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Mueren dos hermanos de Salvaterra en un accidente frontal en Porriño
- Un centenar de personas conforman la batida más multitudinaria para encontrar a María Pereira
- La Panificadora de Vigo creará jurisprudencia nacional
- Depredadores terrestres en alta mar: «Capturábamos incontables tiburones. Hasta el punto de destruir el ecosistema»
- Las manchas naranjas en el mar por microalgas invaden playas de Aldán y O Hío
- Solo se fabrican un máximo 5 al año totalmente a mano y en Ourense: Así es el reloj gallego más exclusivo desde hace un siglo
- Cancelado el festival de este sábado en el Museo do Mar en Vigo por «deficiencias» en la documentación entregada
