Opinión | De bolina

Asesor literario de Faro da Cultura
En tempo de predicadores
Alguén tan pouco sospeitoso canto a posibles querenzas mistéricas como viña resultar o desaparecido líder cubano Fidel Castro foi declarar -tal acontece no documental Comandante (2023), dirixido por Oliver Stone- que «o máis ‘normal’ (ou ‘natural’) nos seres humanos é confesarse crente». Sen que por iso chegase a admitir o comandante calquera afecto ou propensión, da súa parte, respecto dunha forma relixiosa determinada, si que xulgaba, no entanto, que a forza da cultura (e da tradición), as incertidumes diante do descoñecido e aínda a procura da xustiza social (máis en concreto, desde o legado de Xesús de Nazaret) explicaba/explican ese devezo psicolóxico nas mentes –xa saben Vdes: «Algo si que creo que ten que haber»- dunha ampla maioría de persoas. Marxista convencido, o célebre dirixente revolucionario de certo que interpretaba así mesmo que o seu «credo» non obedecía a semellantes latexos senón á pura certeza canto ás veracidades do materialismo dialéctico. Mais con todo -Indro Montanelli advertiunos no tocante ás semellanzas entre a Igrexa e o Partido Comunista-,si que algo moi parecido á fe cristiá parece mostrarse aínda nas estrofas da «Internacional»: «O día que o triunfo alcancemos (...) o mundo será un paraíso, a patria da Humanidade.» En fin, xa significara á súa vez Blaise Pascal que «le coeur a ses raisons que la raison ne connaît point» («hai razóns do corazón que a razón non entende»).
Como, sen dúbida, coñecen moitos dos -sempre moi amables- lectores, foi cara a mediados dos anos 70 do pasado século cando o mestre -e mago, dito/escrito vaia coa mellor das intencións- Umberto Eco escribiu/profetizou –Documenti su il nuovo Medioevo- arredor da posibilidade dunha nova Idade Media. A disolución dos vínculos sociais; a converxencia nunha comunicación baseada nas imaxes e nos símbolos, para alén da cultura escrita (coa presenza dunha guerrilla semiolóxica arreo); o neonomadismo e mais os «errantes»; a arte concibida como bricolaxe; a sensación de inseguridade; a fin da «pax americana» e mais a obsesión -asemade moi gringa- polo simulacro e a realidade falsificada («viaxes cara á hiperrealidade») conforman outros tantos elementos que, si ou tamén, conducen, na estima do autor de O nome da rosa, cara á busca de novos guías que nos poidan explicar un mundo cada vez máis incomprensible. E é que, en efecto, e como naquel poema de Kavafis, xa se fixo de noite e os bárbaros –»ao fin e ao cabo, eran unha solución»- non só non apareceron senón que algúns, chegados desde as fronteiras do imperio, relatan incluso que, en realidade, (os bárbaros) nunca existiron.
Santo Domingo de Guzmán e Santo Antonio de Padua. Pero igualmente Girolano Savonarola, Jan Hus ou Fra Dulcino; husitas e cátaros... Realmente a Idade Media foi capaz de erguer grandes, e fermosas, catedrais románicas e góticas -vimos agora de rematar a Sagrada Familia- mais ao tempo conformou unha xeira propicia para os predicadores de calquera clase e condición. E vale: cabe considerar que toda etapa histórica contou cos seus propios catequistas, sermoneadores..., «alumbrados» ad hoc. Do mesmo xeito, non deixa de darse un aire a que as forzas da ilustración, o pensamento racionalista, os ideais tricolores... apenas parezan esvaer na hora presente en escollermos -democraticamente- un centro comercial de garda, facernos selfies diante de Notre Dame e, como na canción aquela de Sabina, pagar as contas de «gentes sin alma que pierden la calma (persoal e/ou política) con la cocaína». Así, con Deus morto, con Nietzsche enterrado e co Kremlin tasformado na casa de Vito Corleone, o mesmo aplaudimos -aplauden, vaia- os discursos de León XIV que as poesías musicadas -é un dicir, claro- de Bad Bunny ou as últimas arengas da/do influencer de turno. Un novo/vello mundo de predicadores, xa que logo.
Pero nunca choveu que non escampara. E non; non é doado armarse nun esprit fort diante de tanta pijería desatada. «We will not lie down and die. / We will survive!» («Non nos deitaremos e morreremos. Sobreviviremos!») cantan, afoutos, os Warp Brothers. Estas crónicas despídense aquí até setembro. Que teñan Vdes. un moi feliz verán!
Suscríbete para seguir leyendo
- El mercadillo de Cangas cerró hoy a su hora entre lamentos de los comerciantes
- La Cofradía de Pescadores de Aldán denuncia la presencia continuada de yates en el muelle, pese a estar probido
- Las titulaciones que cerraron con las notas de corte más altas del Sistema Universitario de Galicia: tres superan incluso a Medicina
- Muere un joven de Madrid tras impactar contra una furgoneta en Ourense
- Estudiantes ante la Delegación de la Xunta: «Xa que non podemos ensaiar no conservatorio superior, ensaiamos aquí»
- El Concello de Bueu ejecutará la compra de una finca para la construcción del nuevo depósito de agua en Cela
- Eterno Víctor Iglesias Viqueira
- La presión de los precios pincha la «burbuja» de vivienda en Galicia: las compraventas agravan su caída al 11% en mayo