Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Voyager

Perder o tempo

perderotempo

perderotempo / R. V.

Ás portas da semana do final do curso 2025/2026, o mundo muda a súa configuración. As crianzas están a piques de despedirse das aulas ata setembro. Nesa despedida haberá unha mestura de euforia e pena. Porque hai compañeiros e compañeiras a quen non volverán ver ata setembro e, na infancia, dous meses e medio semellan unha eternidade. Os campamentos de verán, o tempo de convivencia cos avós e a palabra vacacións adquiren forma real; xa non son un ente abstracto. Xa están case aquí.

Impresióname lembrar esa sensación de tempo suspendido que nos acompaña na infancia, cando os veráns non rematan nunca e nunha tarde podes xogar a dez cousas diferentes, enfadarte, chorar, rir, escoitar música, poñer un par de vídeos, volverte enfadar, merendar e nin sequera sorprenderte de que aínda falten unhas horas para o solpor.

Para unha crianza de cinco anos, un ano representa o vinte por cento da súa vida. Para unha persoa de cincuenta anos, o dous por cento. Talvez aí estea a explicación. Desacóugame percibir a velocidade á que se suceden os días agora. O tempo é un ente fuxidío que non é posible atrapar. Quérelo, mais non se deixa. Unha das frases que máis oio ao meu arredor é «gustaríame, mais non teño tempo». Se non temos tempo significa que hai un buraco por onde está escapando. E esa velocidade á que se suceden os meses é, tamén, a velocidade á que corren as nosas vidas.

Pregúntome se é posible deixar de correr e empezar a camiñar. Mais no mesmo instante de formularme esta cuestión, penso na perspectiva de que os días se baleiren de actividade frenética. Ese espazo que debese ser unha especie de burbulla amniótica presidida pola calma é, en realidade, un foco de estrés. Falando estes días con dúas autoras que compaxinan a actividade literaria con outras profesións, explicaban que necesitaban permanecer activas todo o tempo, tamén fóra do seu horario laboral. Malia ter outros traballos, describían que necesitaban sentirse produtivas ao cen por cen no eido literario, para gañarlle a partida a esa sensación de estar desaproveitando o tempo.

No ano 1973, Michael Ende lanzaba ao mundo Momo, unha historia sobre a présa, a produtividade, a falta de escoita e a sensación de que os anos corren. Un libro onde as persoas adultas viven obsesionadas co tempo ata tal punto que xa non saben gozar da vida. Aquí entran en xogo os Homes Grises ou ladróns do tempo, uns personaxes rodeados de misterio que persuaden ás persoas adultas de que os praceres cotiás, compartir horas de calidade coas familias, falar coas amigas, xogar ou escoitar significa desperdiciar o tempo. Mais ese tempo que supostamente aforran os adultos, esvaécese, non regresa a eles. O motivo é que constitúe a materia que os Homes Grises precisan para sobrevivir. De xeito paralelo, canto máis tempo logran aforrar as persoas, máis baleiras, anódinas e tristes se volven as súas vidas.

Lograr identificar quen son eses Homes Grises que están presentes nas nosas vidas e nos rouban o tempo sen que nin sequera nos decatemos, podería ser un exercicio valioso para estes meses de sol que temos por diante. Reflexionar sobre a obsesión pola produtividade, a présa permanente, o traballo convertido nunha tiranía e esa idea omnipresente de que sempre deberiamos estar facendo algo útil. Cando, a verdade, é que o verdadeiramente útil é rir, gozar, escoitar, querer, aprender, compartir tempo de calidade... E todo isto lévame a pensar na palabra vivir, que se manifesta coma un latexo. O contrario a vivir son os Homes Grises. Non sei cando empezan a aparecer nas nosas vidas. O que si sei, é que, por fortuna, non están presentes nas vidas das crianzas. E que así continúe, por favor. Que non se transformen nunca nos Homes Grises de si mesmos, coma nós.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents