Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

Galego coma ti

Como han de coñecer ben todos/as aqueles de entre Vdes que conten con memoria e idade suficiente -decorría o ano de graza de 1981-, «galego coma ti» vén ser o eslogan co cal as hostes lideradas por Manuel Fraga se presentaron, resultando vencedoras nas mesmas, ás primeiras eleccións autonómicas de noso. A fórmula foi creación, polo demais, do maxín de X.L. Barreiro.

Rosalía de Castro, Camilo José Cela, Valle-Inclán...; Concepción Arenal...; Fernando Rey, Martin e Charlie Sheen...; Luz Casal, Julio Iglesias, Andres Do Barro; Fernando Romay, Luis Suárez, Iago Aspas...; Fidel Castro, Mariano Rajoy...;Amancio Ortega... Desde logo, a listaxe de galegos/as -restan bastantes exemplos, e máis que evidentes, a engadirmos- e/ou con ascendencia na terra do verde chan que deveñen famosos, así no ámbito español como polo mundo mundial adiante, resulta ben ampla. No entanto, e por se aínda puidese semellar pouca nónima, non faltaron/faltan aínda esoutros a teimaren en completar a enumeración con outros nomes e apelidos senlleiros e velaí, xa que logo, o afán por galeguizar a John Lennon mediante uns (supostos) devanceiros maternos, orixinarios de Ribadeo. Ou, así mesmo, eis a pretensión por converter o propulsor da glásnot e da perestroika, Mikhail Gorvachev/Gorvachov, nun vástago da familia ourensá dos Corbacho «de toda a vida.» En fin, devezos que veñen cadrar igualmente coa porfía por declararmos o antropónimo «Maradona» a partir dunha forma toponímica existente, seica, polo concello de Barreiros, na Mariña luguesa, desde onde o directo ancestro do gran mago balompédico arxentino iría pasar ás terras do Prata aló polo século XVIII.

«A man de Deus», entón, un «galego coma ti». «Vicarius Christi» no planeta, cando as presentes liñas vexan a luz pública, León XIV xa estará de volta no seu enderezo habitual, logo de concluída a escintilante visita a España que o papa Prevost levou a termo nos pasados días. Vido ao mundo en Chicago; fillo de pais con ascendencia francesa (ou italo-francesa) e haitiano-dominicana, de acordo coa información aportada polos diversos medios -este venerable rotativo sempre á fronte-, e segundo un estudo da autoría da comunidade xenealóxica Geneanet, podería acontecer que o actual pontífice tivese unha sexta avoa, procedente do Porriño, cuxo fillo emigrou a terras norteamericanas; máis en concreto, ao berce do jazz, a mítica New Orleans dos Louis Armstrong e compañía. Está claro que de confirmarse, sería todo un puntazo para o país de Breogán e, claro é, pasaporte diplomático na alfándega das Alturas.

Corre polos Madriles -e arrabaldes adxuntos- a lenda de que nunca se sabe se un galego sobe/baixa a escaleira. Traducido: que constituímos, polo visto, un concurso de xentes moi pouco, ou nada, decididas a explicar, demostrar..., aclararmos as nosas preferencias. E tanto é tal que até o propio Francisco Franco foi obxecto no seu momento -lémbrense as estimas do xeneral Mola ao respecto, hai agora noventa anos- desa mesma queixa. Mais a longa xeira do ditador, desde logo, pero aínda o quefacer do xeneral Líster (nacido Liste Forján) ou esoutro dos, xa máis arriba citados, Manuel Fraga e Fidel Castro: coido que todos eles dan, certamente, moi cumprida noticia de que, en realidade, todo radica en que os/as galegos se poñan á obra: poden devir -e deveñen de feito-pero que moi contundentes.

Outra cousa, iso tamén, está en que os demais anden despistados e/ou interpreten/queiran interpretar erroneamente os xeitos. León XIV vén de ser aplaudido por propios e alleos, convencidídimos -ou autoconvencéndose- cada quen de que a Súa Santidade vira a babor ou a estribor, couso e arca como lle din por Aldán e Bueu, de acordo coa súa propia preferencia. Coitadiños! Non entenden para nada que, acaso si que «galego coma ti», o papa vira sempre en dirección ao Vaticano, labora pro domo sua. En bravú: «a vaquiña polo que vale.» En fin, xa postos, aínda vai suceder que a «casita» de Bad Bunny, antes que en terras de Porto Rico, faga referencia ao Salnés e mais á Terra Cha.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents