Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Al lío

José Carneiro

José Carneiro

Subdirector de Faro de Vigo

Chega a calor... e as carrachas

Burras no curro de Torroña do pasado domingo.

Burras no curro de Torroña do pasado domingo. / Pedro Mina

Chega a calor e chegan as carrachas. Foi o tema de conversa hai uns días entre as nais e pais que nos xuntamos para ver xogar as crianzas pola miña parroquia. É que hai moito medo con elas. «Xa non imos aos curros —que é como lle chamamos no sur ás cercas de pedra onde xuntan ás bestas ou burras para a rapa— por iso», dicíame un pai. «Nós tampouco», contesteille. Seguro que esaxeramos. Ou non. Porque sei non dun, nin dous, nin tres, senón de máis casos de coñecidos que o pasaron moi mal pola picadura destes bechos. Ou, mellor dito, polas enfermidades que lles transmitiu esta especie de ácaro que parece sacado doutro mundo. Carrachas sempre as houbo, pero a enfermidade de Lyme ou a febre exantemática mediterránea non. Isto é novo, e bromas, as xustas.

Vendo bulir aos rapaces, relatáronse varias destas historias que case acabaron en traxedia, algunhas de hai bastante tempo e outras máis recentes, e dáme no nariz que algún dos oíntes soñou esa noite coas carrachas. 

Recordo como se fose onte unha fin de semana que pasei en Sálvora, na ría que tanto me gusta, a de Arousa. Meu primo traballaba daquela de garda forestal nesa illa que tamén é parque nacional, e fun con el para gozar dun espectáculo único nas Rías Baixas: escoitar a brama dun cervo. Si, si, non mo invento. En Sálvora hai cervos, e cabalos, e gaivotas, claro. Os cervos, contoume meu primo, introducíronos para cazalos, coma se a illa fose —porque o foi— un couto, e os cabalos supoño que para crialos e perseguir aos cervos, pero non o teño claro.

Pois neses dous días que pasei en Sálvora xa non sei cantas carrachas tentaron probar o meu sangue. Só con arrimarte a calquera herba quedaban enganchadas como pequenas chuponas, á roupa, á pel, ao pelo. Ao final de cada xornada tiñamos que revisarnos uns aos outros na procura dos bechos. E si, escoitei a brama dun cervo antes do amencer, totalmente ás escuras. E si, é algo que non esquecerei nunca.

Volvendo ao tema: carrachas sempre houbo. Nos cans, nos gatos, no gando, e, de cando en vez, se non tiñas coidado, pegábanseche como lampreas. O mecanismo vén sendo o mesmo. Pero agora o risco é maior por todas esas doenzas que che poden pasar. Linlle onte ao compañeiro Pablo Varela que con estes bechos hai un sistema de alertas parecido ao do mosquito tigre: Garrapata Alert. A app dáche recomendacións sobre como actuar en caso de picadura e información detallada sobre as áreas onde as carrachas son máis frecuentes, con Ourense como epicentro. Ben seguro que algún dos pais e nais cos que estiven xa a ten instalada no móbil.

A ver, tampouco se trata de vivir en estado de pánico permanente nin de deixar de ir ao monte co fermoso que é. Trátase, máis ben, de aplicar o sentidiño das nosas avoas: pantalón longo se vas por zonas de herba alta, repelente se cadra, revisar ben a roupa e o corpo ao volver para a casa, e non andar facendo experimentos raros se atopas unha carracha pegada á pel. Quitala ben, desinfectar, vixiar e, se hai síntomas, ao médico. Sen dramas, pero sen facer o parvo.

Medo, o xusto. Precaución, toda. E sentidiño, máis ca nunca. 

Imagen

Al lío

Si quieres recibir este análisis de la actualidad en tu correo tan solo debes activar este boletín en nuestra página web

Me apunto
Tracking Pixel Contents