Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | VOYAGER

A tortura da PAU

Un grupo de alumnos celebra o fin dos exames da PAU, esta semana, no campus de Vigo.

Un grupo de alumnos celebra o fin dos exames da PAU, esta semana, no campus de Vigo. / MARTA G. BREA

Seguín con interese esta pasada semana cada xornada da PAU. Se facemos un pouco de memoria e temos presente o estrés e os nervios que nos provocaron estas probas, non é difícil poñerse na pel do alumnado. Segundo de Bacharelato, ademais dun curso preparatorio para estes exames que son a antiga Selectividade, tamén constitúe unha conta atrás. A carreira que escollas e, polo tanto, o teu futuro profesional, depende en gran medida da nota que consigas neses exames concentrados en tres días onde non hai respiro. Nunca comprendín ese sistema que, no fondo, parte da desigualdade, na medida en que a capacidade de tolerar e enfrontarse ao estrés non é a mesma para unhas e outras persoas.

A historia da Selectividade remóntase ao ano 1974, cando se proclamou a Lei sobre probas de aptitude para acceso ás Facultades, Escolas Técnicas Superiores, Colexios Universitarios e Escolas Universitarias. A chamada «Lei Esteruelas» (elaborada polo Ministro Cruz Martínez Esteruelas, político implicado no Movemento Nacional que formou parte das estruturas de poder do réxime franquista) estableceu no curso 1974-1975 a Selectividade, en substitución da Reválida que existía ata entón.

Se ben é certo que ao longo destes cincuenta e un anos desde a implantación deste sistema estas probas sufriron diversas modificacións, a min cústame entender que en medio século non conseguísemos atopar un método menos asfixiante. Lembro a Selectividade coma unha tortura onde case todo o alumnado somatizabamos a tensión psicolóxica e conviviamos durante semanas e, especialmente neses días, cun profundo malestar físico. Non semellan as condicións óptimas para competir polo noso futuro. Porque non debemos perder de vista que a PAU é unha competición.

Hai outras formas de acceder a un grao universitario e non hai que ir moi lonxe para atopar outros métodos. En Alemaña, o ingreso nunha ou noutra facultade depende do chamado Abitur, título que se obtén ao remate do Gymnasium, e non existe unha proba xeral equivalente á PAU. É verdade que hai uns exames finais do Abitur, mais é o alumnado quen solicita a admisión ao grao que lle interesa, en función da media das cualificacións dos últimos cursos de Bacharelato e o propio Abitur co engadido de que, para moitas carreiras, non é preciso ningún exame de acceso.

En Francia, a nota do Bacharelato é o principal factor que condiciona o ingreso a unha ou a outra titulación.

O sucedido este ano en Galicia en diversos exames e, mais en concreto, na proba de Debuxo Técnico, resulta intolerable. Logo de escoitar as desculpas e argumentos do voceiro da CIUG quedei coa sensación de que, ese quitarlle importancia aos feitos e apelar a que sempre existen erros humanos, é profundamente inxusto. Porque ese mesmo baremo non ten cabida nun sistema onde, se un alumno erra durante unha proba, a súa nota baixa. Pero claro, os erros humanos na PAU non teñen as mesmas consecuencias se es examinador ca se es examinado.

Que no medio dun exame entren profesores a avisar de que os enunciados das preguntas conteñen erros é inaceptable. Por moito que agora se flexibilice a corrección (que menos!) non se comprende como é posible que, co tempo do que o equipo responsable dispón para preparar as probas e co estrés e a esixencia tan besta aos que é sometido o alumnado, ocorra algo así. Entendo os erros humanos, mais non entendo a falta de coidado. Está en xogo o futuro da rapazada, a quen supervisamos de xeito continuo. Mais, quen nos supervisa a nós?

Deséxolle ao alumnado o mellor neste verán que ten por diante e que agardo que sexa un dos mellores das súas vidas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents