Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | De bolina

Xosé Ramón Pena

Xosé Ramón Pena

Asesor literario de Faro da Cultura

De pólvora e de magnolias: 50 anos despois

Corría o mes de novembro de 1976 -o autor destas liñas andaba pola xeira das vinte primaveras; tiven a fortuna de coñecelo persoalmente e gozar desde daquela da súa amizade- cando X.L Méndez Ferrín daba á luz pública un volume titulado Con pólvora e magnolias, entrega que se foi tornar moi axiña decisiva para o devir da literatura de noso. Como han de coñer moitos -ou todos- dos, sempre moi amables, lectores e lectoras, nos pasados días de maio tivo lugar na viguesa librería Librouro, adiantánose así á data conmemorativa, a presentación da edición facsimilar do poemario, levada a termo pola Editorial Alvarellos. O libro amosa, alén diso, manuscritos orixinais dalgunhas das composicións e conta cun epílogo da autoría do escritor e profesor Anxo Angueira. Vaian, os nosos parabéns para os responsables da iniciativa.

É a miña intención tentar abeirarme polo miúdo aos versos de Con pólvora e magnolias máis adiante -entre outras achegas, o suplemento Faro da Cultura deste xornal incluirá, da súa parte e en novembro, diversos traballos arredor da obra-. Mais, con todo, si que quixera agora incidir xa nalgún apartado que, no meu entender, resulta esencial.

De acordo coa estima de diversos estudosos da historia das nosas letras, Con pólvora e magnolias, por máis que un texto fulcral, vén compartir o seu protagonismo con outras «obras decisivas na mudanza de rumbo» que naquela altura se foi axeitar. Xa que logo, e de acordo con semellante apreciación, Mesteres (1976) de Arcadio López-Casanova e Herba aquí e acolá (1988; algúns dos textos xa foran publicados en 1980) de Álvaro Cunqueiro -a xenerosidade do propio Ferrín engadiu aínda Seraogna (1976) da man de Alfonso Pexegueiro- conformarían a «triloxía do cambio» que daria paso a unha das etapas máis brillantes da poesía composta en Galiza.

Nin vén ser o presente o lugar adecuado nin tampoco dispoñemos aquí e agora do espazo para aprofundar nesa procura. Por outra banda, nada máis lonxe da miña intención que desatender os, innegables, méritos dos tres autores e poemarios citados no anterior parágrafo. No entanto, coido que cómpre subliñar que, por máis que cada crítico e analista conte co seu parecer -léxitimo- e por ben que cada poeta teña o dereito de declararse en débeda e/ou seguimento dunha escollida opción, acontece que -fóra aínda dos seus incontestables méritos de carácter, digamos, «estritamente» literario- Con pólvora e magnolias constitúe de certo algo máis que iso mesmo que si que é: é dicir, un excelente libro de poemas. Porque a obra de X.L. Méndez Ferrín ha de ser descrita na historia da literatura de noso como un «libro-faro», como un «texto-baliza». En fin, non como un dos -tres/catro- poemarios que deciden a mudanza de rumbo, senón como o «volume lexislador», o LIBRO, en conclusión -e isto mesmo con independencia de que o autor buscase, ou non, tal propósito- que cimenta, declara... promulga, si ou tamén unha nova xeira. Trátase, polo demais, dun episodio ao que non é alleo o papel sociolóxico (ou socio-político, na expresión ampla do termo), estético-moral, a capacidade de intervención na cultura galega de parte do propio Méndez Ferrín.

Así propios como alleos; partidarios ou en desavinza co responsable de Con pólvora e magnolias, a realidade histórica é que estamos diante dun artefacto socio-cultural que só os Cantares de Rosalía, os Aires da miña terra de Curros, a Longa noite de pedra de Celso Emilio e poucos máis poden concluír. E si: reiteramos que cadaquén é dono do seu pracer literario. Porén, sed magis amica veritas sempre, insistiremos nese nese xeito director/lexitimador de Con pólovora e magnolias: un antes e un despois así mesmo para o mesmo poeta nacido en Ourense e que dá a benia, no meu ver, para esoutra xoia, alfaia formidable, cume do tracexar poético ferriniano, rotulada Estirpe.

De novo parabéns a Alvarellos. E, vaia: ignoro se xa estará tal intención en movemento. En todo caso, e desde esta crónica de bolina, quixera que todos nos autoinvitásemos, en novembro, á celebración e homenaxe de Con pólvora e magnolias. Con toda a certeza, obra e autor son merecentes de tal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents